- ASPAPEL recorda que só o papel e o cartón usado, que son 100% reciclables, débense depositar nos contedores azuis, recomendando pregar previamente as caixas para que ocupen o menor espazo posible e evitar os depósitos nos “días punta” destas Festas.
Cerceda, a 29 de decembro de 2020.- Segundo datos da Asociación Española de Fabricantes de Pasta, Papel e Cartón (ASPAPEL), en España reciclaranse este Nadal 873 millóns de quilos de papel e cartón, o 20% da cantidade total que se recolle durante todo o ano
Calcúlase que o volume de recollida de papel para reciclar será similar ao do 2019, con só un descenso do 1,2%, malia a que o consumo do papel e cartón baixou en torno a un 6% debido, principalmente, á caída da actividade industrial como consecuencia da pandemia.
ASPAPEL agarda que este Nadal se desperdicie menos papel e cartón debido ao posible descenso das compras asociado ao control do gasto familiar pola COVID-19, ao incremento das compras anticipadas e por internet, e á cada vez maior “conciencia ambiental”, sobre todo entre os máis novos.
A Asociación recorda que só o papel e o cartón usado, que son 100% reciclables, se deben depositar nos contedores azuis, recomendando pregar previamente as caixas para que ocupen o menor espazo posible e evitar os depósitos nos “días punta” destas Festas.
Sinala igualmente que a industria papeleira española (“a segunda máis recicladora de Europa“, só por detrás de Alemaña e prácticamente empatada con Italia e Francia) prevé recuperar este ano máis de 5.111.000.000 quilos de papel usado, sendo a taxa de reciclaxe do 78% en 2020, tres puntos por riba da do ano anterior.
ASPAPEL indicou tamén que, durante o confinamento, a práctica totalidade das 79 fábricas do sector papeleiro en España permaneceron abertas e en funcionamento para evitar o desabastecemento de produtos básicos como papeis hixiénicos e sanitarios, envases e embalaxes para comida, bebida ou produtos farmacéuticos, e papeis gráficos para a comunicación, a información, o lecer e a cultura, entre outros.
Fonte e imaxe: ASPAPEL