- Así o manifestou o Secretario Xeral das Nacións Unidas, António Guterres, nunha reunión de alto nivel na que participaron representantes de países afectados
- Os expertos estiman que o nivel global do mar subirá entre 15 e 30 centímetros de media de aquí a 2050
- O titular da ONU reitera que os países deben presentar novos plans nacionais de acción polo clima "moito antes" da COP30 de 2025 e pide “contribucións significativas” ao Fondo de Perdas e Danos
Cerceda, a 25 de setembro de 2024.-O Secretario Xeral das Nacións Unidas, António Guterres, reiterou hoxe o seu chamamento para reducir as emisións de carbono a fin de limitar a subida do nivel do mar.
Nunha reunión de alto nivel na que participaron representantes de países afectados e outras partes interesadas, declarou que só “unha acción drástica” para reducir as emisións pode limitar a subida. “E só unha acción drástica para adaptarse pode manter á xente a salvo da subida das augas”.
Segundo os científicos, o nivel do mar a nivel global está a subir máis rápido que en calquera outro momento dos últimos 3000 anos, e segue acelerándose. O Grupo Intergobernamental de Expertos sobre o Cambio Climático (IPCC) estima que o nivel global do mar subirá entre 15 e 30 centímetros de media de aquí a 2050, e que o aumento será maior nas rexións ecuatoriais, sobre todo no Pacífico.
A ONU calcula que case 900 millóns de persoas viven en zonas costeiras baixas. A subida do nivel do mar provoca a erosión costeira e inundacións do litoral e prexudica sectores como a pesca, a agricultura e o turismo.
Guterres advertiu que “as economías avanzadas están a gastar miles de millóns en danos e adaptación. E se non actuamos pronto, a situación será moito peor”. Neste sentido, dixo que os desprazamentos masivos de poboación poden “exercer presión” sobre os limitados recursos das rexións veciñas.
“O comercio mundial, os sistemas alimentarios e as cadeas de subministración veranse socavados ao danarse os portos e arruinarse as terras de cultivo e as pesqueiras”, asegurando que a subida do nivel do mar non só modificará as costas, senón tamén as economías, a política e a seguridade.
Insistiu en que todos deben estar protexidos por sistemas de alerta para o 2027, en liña coa iniciativa Alertas Temperás para Todos.
Tamén lembrou que todos os países deben presentar novos plans nacionais de acción polo clima "moito antes" da COP30 de 2025, abarcar todos os sectores da economía e encamiñarse cara á eliminación progresiva dos combustibles fósiles. Neste sentido, incidiu en que “o G20 -responsable de ao redor do 80% das emisións mundiais- debe tomar a iniciativa”.
Da conferencia climática deste ano (COP29), sinalou que se necesita un resultado financeiro sólido que inclúa novas fontes de capital e contribucións significativas ao novo Fondo de Perdas e Danos, como un paso cara á xustiza climática.
A reunión celebrouse inmediatamente despois do Cume do Futuro e centrouse en lograr un entendemento común, mobilizar o liderado político e promover a cooperación internacional para facer fronte ás ameazas que expón a subida do nivel do mar, especialmente para os pequenos Estados insulares en desenvolvemento e as zonas costeiras baixas.
Fonte e imaxe: ONU