- Técnicos desta empresa pública desprazaranse mañá, día 30, á localidade lucense de Burela para impartir un curso de formación no que explicarán a técnica de autocompostaxe e resolverán as dúbidas formuladas polos asistentes
- A día de hoxe, Sogama entregou a este concello un total de 184 composteiros
Cerceda, a 29 de xuño de 2022.- Técnicos de Sogama desprazaranse mañá, 30 de xuño, a Burela (Lugo) para impartir un curso de formación aos veciños que se incorporarán ao programa de compostaxe doméstica impulsado polo Concello e que conta co apoio desta empresa pública.
A cita terá lugar, ás 19:00 horas, no Salón de Plenos, onde os asistentes serán instruídos na autoxestión da materia orgánica mediante a súa transformación en compost, un abono natural de alta calidade e con excelentes propiedades fertilizantes para plantas e cultivos, podendo aplicarse, con garantías e sen restricións, nos xardíns e hortas dos usuarios. É por isto que unha das esixencias básicas é que as vivendas participantes nesta iniciativa deberán dispoñer de terreo para pechar o ciclo de aproveitamento dos restos orgánicos.
A xornada tamén será aproveitada para repartir os novos composteiros, con capacidade para 400 litros e fabricados con materiais reciclados e reciclables, así como manuais didácticos nos que se detalla a técnica a seguir: desde a propia localización do composteiro, que debe situarse no exterior da vivenda e en contacto directo coa terra para facilitar a entrada dos microorganismos descompoñedores, ata a identificación dos materiais orgánicos que deben -e non deben- depositarse no mesmo, e o control de elementos tales como o osíxeno, a temperatura e a humidade, que condicionarán en boa medida o resultado final.
Durante a charla, ademais de ampliar coñecementos, os veciños terán a oportunidade de resolver todas as súas dúbidas.
Saúdos, Departamento de Comunicación