- Entre outras informacións corporativas, alúdese á aprobación do PIA desta empresa pública, o primeiro de Galicia; a aplicación da Metodoloxía 5S na Planta de Clasificación de Envases; as melloras introducidas en distintas plantas de transferencia; e a construción, no Complexo cercedense, dun novo aparcadoiro, dotado con 6 puntos de recarga eléctrica
- Así mesmo, saliéntase a entrega dos premios escolares enmarcados no concurso de carteis promocionais da reciclaxe, a reactivación do programa de visitas ás instalacións de Sogama e a campaña de concienciación cidadá “Reciclaxe responsable para un futuro redondo”
Cerceda, a 19 de xullo de 2023.- O boletín informativo de Sogama correspondente ao presente mes de xullo abre con senllas entrevistas a Teresa Alvariño, Xerente de Cetaqua Galicia, quen dá a coñecer os obxectivos e proxectos do Centro Tecnolóxico da Auga, e a Jesús Cotelo, Sociólogo e especialista en medio ambiente do Grupo Applus+, con extraordinaria bagaxe na análise dos comportamentos cidadáns ao redor da xestión sostible dos residuos municipais.
Dentro da sección “Mundo Sogama”, recóllense, entre outras informacións, a aprobación do Proxecto de Interese Autonómico (PIA) da entidade, o primeiro de Galicia, que lle permitirá ampliar a súa actividade a novos espazos, habilitándoa para construír novas edificacións nos terreos dos que dispón sen someterse aos condicionantes urbanísticos das normas subsidiarias.
Tamén se alude á aplicación, na planta de clasificación de envases, da Metodoloxía 5S, orientada a mellorar a súa eficiencia, produtividade e satisfacción do persoal ao promover un espazo de traballo máis ordenado, limpo, organizado e seguro, con menor consumo de recursos e xeración de refugallos.
Noutra orde de cousas, dáse conta de diversas melloras nas plantas de transferencia das que Sogama é titular, como é o caso da de Boiro (A Coruña), que contará con dous aparcadoiros e verá modificada a rede de saneamento, e a de Monforte de Lemos (Lugo), á que se dotará dunha liña para o transvasamento da materia orgánica.
Así mesmo, a compañía atópase construíndo unha nova planta de transferencia en Ponteceso (A Coruña) a fin de dotala de maior capacidade e eficiencia, e preparala para transvasar as bolsas amarela, negra e marrón.
Igualmente, a Sociedade anunciou a habilitación dun novo aparcadoiro, con capacidade para 60 vehículos, no Complexo Medioambiental de Cerceda e que estará dotado con 6 puntos de recarga eléctrica para atender as necesidades dos traballadores/as que se desprazan en coche eléctricos.
Máis educación ambiental
Pola súa banda, a entrega dos premios enmarcados no concurso de carteis promocionais da reciclaxe aos colexios Pedro Caselles Rollán, de Xove (Lugo); Pintor Laxeiro, de Vigo; e Divina Pastora-MM Franciscanas, de Ourense, foi un dos eventos de educación ambiental máis reseñables das últimas semanas, sen esquecer a entrada en circulación da nova páxina web de Sogama, na que se aposta por unha maior transparencia e interactividade coa cidadanía.
Tamén se destaca a reactivación do programa de visitas ao Complexo cercedense, onde os grupos teñen a oportunidade de facer un percorrido virtual 360º mediante lentes inmersivas, podendo poñer a proba os seus coñecementos sobre recollida selectiva de residuos a través de máquinas de xogos Arcade bautizadas co nome “Trash&Furius”.
Na sección Multimedia, o boletín faise eco da última campaña de sensibilización promovida por Sogama “Reciclaxe responsable para un futuro redondo”, estando conformada por un vídeo explicativo sobre a separación de residuos en orixe e o seu correcto depósito nos distintos contedores, un folleto dixital e un anuncio promocional do contedor marrón.
No apartado de eventos, menciónase, entre outros, a participación do presidente de Sogama, Javier Domínguez, no foro “A Galicia que vén”, así como o encontro mantido con representantes de CRETUS (Centro Interdisciplinar de Investigación en Tecnoloxías Ambientais da USC).
Ligazón descarga boletín corporativo xullo 2023: https://lnkd.in/d-hwz5aN
Saúdos, Departamento de Comunicación