- O obxectivo é reforzar a firme aposta que o ente supramunicipal fixo pola autoxestión da materia orgánica, pois, máis aló dos seus evidentes beneficios ambientais, tamén supón un aforro de custos
- Dado que a fracción orgánica representa en torno ao 37% da composición media dunha bolsa de lixo doméstico, se se pon en valor nos propios fogares, evítase a súa recollida, transporte e tratamento final, véndose diminuído o importe da factura a pagar a Sogama
- A empresa pública tamén remitiu á Mancomunidade manuais didácticos para repartir entre os veciños participantes nesta iniciativa, coa particularidade de que impartirá cursos de formación presenciais en cada un dos concellos que a conforman
Cerceda, a 22 de outubro de 2024.- Sogama achega á Mancomunidade de Terras de Celanova (Ourense) un total de 200 composteiros, con capacidade para 400 litros e fabricados con materiais reciclados e reciclables, a fin de que os municipios que a conforman poidan reforzar os seus respectivos programas de compostaxe doméstica e alcanzar con isto importantes beneficios ambientais e económicos.
Con esta iniciativa, o ente supramunicipal pretende avanzar cara a unha xestión máis sostible dos residuos, prestando especial atención ao tratamento da materia orgánica mediante un sistema que combina o contedor marrón, especialmente orientado a ámbitos máis urbanos e a grandes produtores, e o composteiros, concibido para vivendas unifamiliares emprazadas en zonas rurais que dispoñen de terreo (xardín, horta e/ou terras de cultivo) no que aplicar o compost resultante.
Desta forma, a Mancomunidade quere poñer en valor a fracción orgánica, que representa en torno ao 37% da composición media dunha bolsa de lixo doméstico tipo, evitando a súa recollida, transporte e tratamento final, polo que se verá diminuído o importe das facturas a pagar a Sogama.
Cursos e material didáctico
Así mesmo, técnicos desta empresa pública impartirán cursos presenciais de formación en cada un dos 8 concellos que integran a Mancomunidade, isto é Celanova, A Merca, Verea, Quintela de Leirado, Gomesende, Pontedeva, Ramirás e Cartelles, para explicar aos veciños a operativa de autocompostaxe, que comeza coa propia localización do composteiro, que debe colocarse no exterior da vivenda, nunha zona protexida das inclemencias meteorolóxicas e en contacto directo coa terra para facilitar a entrada de microorganismos descompoñedores.
Clarificaranse tamén os materiais que deben, e non deben, depositarse no recipiente, cuxa función é facer o proceso máis cómodo, hixiénico e eficiente, a importancia de realizar unha correcta mestura entre fracción húmida e seca, así como de levar a cabo o control de parámetros tales como o osíxeno, a temperatura e a humidade. Con estas premisas, os participantes poderán obter un compost de alta calidade e apto para ser aplicado no solo con garantías e sen restricións, conforme aos requisitos establecidos na lexislación vixente.
Así mesmo, a compañía remitiu á Mancomunidade manuais didácticos de apoio a fin de reforzar os coñecementos dos usuarios na autoxestión da materia orgánica. Nos mesmos, e ademais de explicar o proceso de forma gráfica e asequible para todos os públicos, dáse resposta ás preguntas máis habituais e resólvense os erros máis comúns.
Saúdos, Departamento de Comunicación