- O evento, que se celebrou na sede da empresa pública, en Cerceda, contou coa participación do seu presidente, a delegada de PreZero en Galicia e Asturias, e a subdirectora xeral de Innovación Profesional e Coordinación co Sistema Produtivo da Xunta
- Durante a súa intervención, Javier Domínguez manifestou sentirse moi satisfeito e orgulloso polo esforzo do persoal na obtención dunha titulación que acredita e certifica os seus coñecementos e experiencia, á vez que mostrou a súa gratitude polo esforzo investido
- Así mesmo, subliñou que “a ilusión e a capacidade de superación é o que fai grandes ás organizacións”, e animou ao persoal a seguir formándose para gañar en autoestima, seguridade e competitividade
Cerceda, a 21 de novembro de 2024.- A sede de Sogama en Cerceda acolleu esta mañá o acto de entrega de acreditacións correspondentes ás “Unidades de Competencia” a máis dunha trintena de traballadores/as adscritos á planta de clasificación de envases lixeiros, onde se separan por tipoloxías os envases de plástico, as latas e os briks depositados nos contedores amarelos de recollida selectiva, permitíndolles desta forma, e logo dun período de formación e avaliación do seu desempeño profesional, acceder a titulacións integradas na formación dual e expedidas pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
O evento contou coa participación do presidente de Sogama, Javier Domínguez, que estivo acompañado pola subdirectora xeral de Innovación Profesional e Coordinación co Sistema Produtivo da Xunta de Galicia, Cristina Lesta Íñiguez, e a delegada de PreZero en Galicia e Asturias, Mariluz Rivas.
Durante a súa intervención de apertura, Domínguez Lino manifestou sentirse moi satisfeito e orgulloso polo esforzo do persoal na obtención dunha titulación que acredita e certifica os seus coñecementos e experiencia, á vez que mostrou a súa gratitude por un esforzo que dota a esta compañía de maior eficiencia na prestación dun servizo público esencial e de maior prestixio, subliñando que “o maior potencial que pode atesourar unha empresa é a preparación, a solvencia e as altas competencias do seu equipo humano”.
Ademais de agradecer a extraordinaria implicación nesta iniciativa por parte de PreZero, empresa xestora da planta de clasificación, e a Xunta de Galicia, tamén tivo palabras de agradecemento para esas persoas que, de forma silenciosa, estiveron asesorando, colaborando e motivando en todo momento para que este sistema pioneiro de formación e avaliación de habilidades chegase a bo porto. É o caso de Manuel Verdes, docente na especialidade de Formación e Orientación Laboral, e dinamizador da relación con empresas na Formación Profesional; Enma Amor, representante do equipo de asesoramento e avaliación que se encargou da acreditación de competencias, e Javier Froján, xefe de planta.
O máximo responsable de Sogama culminou o acto incidindo en que “a ilusión e a capacidade de superación é o que fai grandes ás organizacións”, e animou ao persoal para seguir formándose para gañar en autoestima, seguridade e competitividade.
Saúdos, Departamento de Comunicación