- Na mesma déronse cita técnicos de distintas plantas adscritas a AEVERSU, nas que se valoriza enerxeticamente, e con todas as garantías ambientais, a parte non reciclable dos residuos, conforme á xerarquía de xestión estipulada pola Unión Europea.
- A operativa destas instalacións representa a alternativa ao uso desmedido do vertedoiro en España, a peor das opcións debido ao seu negativo impacto sobre a contorna e a saúde.
- Así mesmo, a vertedura implica enterrar a enerxía contida nos refugallos, cando estes poderían transformarse en electricidade e calor, recursos de interese estratéxico e máis aínda no actual escenario de crise enerxética.
- De feito, a enerxía producida en Sogama equivale ao consumo do 12% dos fogares galegos.
Cerceda, a 6 de outubro de 2022.- Sogama acolleu, na súa sede de Cerceda (A Coruña) e durante dous días (5 e 6 de outubro), unha xornada técnica centrada no mantemento e operación de plantas de valorización enerxética. Na mesma déronse cita membros dos departamentos técnicos de distintas plantas adscritas a AEVERSU (Asociación Española de Empresas de Valorización Enerxética de Residuos Urbanos). É o caso de Trargisa (Xirona), UTE TEM (Mataró) e Sirusa (Tarragona); Tirme (Mallorca); Zabalgarbi (Bilbao); Remesa (Melilla); TirCantabria (Cantabria); e CTRASA (Andorra).
Aínda que con diferenzas tecnolóxicas, o labor común destas instalacións é a recuperación enerxética da parte non reciclable contida nos residuos, conforme á xerarquía de xestión estipulada pola Unión Europea e que sitúa a valorización enerxética despois da reciclaxe, pero antes do vertedoiro, representando este último a peor opción debido ao seu negativo impacto sobre a contorna e a saúde.
Non en van, os vertedoiros emiten 19 veces máis CO2 que as plantas de valorización enerxética, coa particularidade de que nestes entérrase e desaproveitase a enerxía contida nos refugallos non reciclables, cando podería poñerse en valor mediante a súa transformación en electricidade e calor, produtos de interese estratéxico e moito máis no actual escenario de crise enerxética. De feito, a enerxía producida en Sogama equivale ao consumo do 12% dos fogares galegos.
Actualmente, e segundo datos de Aeversu, o conxunto de plantas WtE adscritas a esta asociación (12 en total) tratan, de media, unhas 2.300.000 t/ano de residuos non reciclables e producen ao redor de 1.600.000 MWh de enerxía.
Pola súa banda, FEAD (Federación Europea de Xestión de Residuos) asegura que, a día de hoxe, as plantas europeas WtE poden subministrar electricidade a 18 millóns de habitantes e calor a 15,2 millóns.
TEMÁTICAS ABORDADAS
Nas sesións de traballo desenvolvidas en Sogama profundouse, entre outras cuestións, na dixitalización do sector, as melloras na eficiencia enerxética das plantas de valorización enerxética e na optimización da xestión de augas. Así mesmo, os participantes intercambiaron experiencias sobre a xestión que seguiron nas súas instalacións ante a escaseza de materiais e o incremento do prezo dos mesmos, especialmente no caso daqueles cualificados como “críticos”.
O presidente de Sogama, Javier Domínguez, mantivo un breve encontro cos técnicos de diferentes puntos da península, aos que animou a enriquecer o importante labor que levan a cabo, pois “o seu esforzo e traballo contribuirán á excelencia dunhas instalacións punteiras que logran converter, con todas as garantías ambientais e de protección da saúde, os residuos que xa non se poden reciclar en novos recursos de alto valor que, ademais, son prioritarios nas sociedades modernas”.
Saúdos, Departamento de Comunicación