- A licitación, que ascende a preto de 82.000 euros, contempla, entre outras actuacións, a construción dun novo edificio de oficinas e vestiarios, así como a modificación do circuíto de descarga de efluentes da depuradora ao colector de saneamento do polígono industrial de Reboredo.
- O prazo máximo para a execución das obras é de 12 semanas, establecendo un mínimo de 6.
Cerceda, a 14 de maio de 2020.- A fin de seguir salvagardando o correcto funcionamento da súa infraestrutura industrial, Sogama acometerá obras de mellora na planta de transferencia ubicada no municipio de Monforte de Lemos (Lugo).
O importe desta licitación ascende a 81.770 euros (IVE incluído) e contempla, entre outras actuacións, a construción dun novo edificio de oficinas e vestiarios, así como a modificación do circuíto de descarga de efluentes da depuradora ao colector de saneamento do polígono industrial de Reboredo. Entre a saída dos efluentes da depuradora e o colector municipal intercalarase un pozo de bombeo que fará de cámara de unión entre ambos puntos, eliminándose a posibilidade de que os efluentes contidos no colector municipal ingresen na depuradora da planta de transferencia.
A oficina e aseo actuais serán reacondicionados para o seu uso como almacén.
PRAZOS
No caso da entrega da memoria técnica a presentar no concello para obter o permiso de obra, o prazo máximo é de 5 días hábiles a contar desde a data de inicio do contrato e, o mínimo de 2 días.
Para a execución da obra, o prazo máximo é de 12 semanas, contadas a partir da data da firma da acta de inicio e, o mínimo de 6 semanas.
FUNCIONALIDADE DAS PLANTAS DE TRANSFERENCIA
Sogama xestiona unha rede conformada por 37 plantas de transferencia distribuídas estratéxicamente polo conxunto do territorio galego, estando 20 baixo a súa titularidade, entre as que se atopa a de Monforte de Lemos.
As plantas de transferencia dan servizo aos concellos máis próximos e nas mesmas transvásnase os residuos desde os camións de recollida municipal a contedores de gran capacidade (20 toneladas), aptos para ser transportados ata o Complexo Medioambiental de Sogama en Cerceda (A Coruña) nas mellores condicións.
Esta licitación está xa publicada na plataforma SILEX da Xunta de Galicia.
Saúdos, Departamento de Comunicación