- A instalación, que se levantará no polígono industrial de Cuíña, ocupará unha parcela de case 8.000 m2 e dará servizo a 15 concellos do arco cantábrico (máis de 69.300 habitantes)
- Disporá de capacidade para tratar 3.000 t de materia orgánica cada ano, ás que habería que sumar 1.600 t de material estruturante, e producirá ao redor de 1.500 t de compost que se destinará, como fertilizante natural, ao sector da agricultura e gandería
- A previsión é que entre en funcionamento a finais de 2022, formando parte da rede de infraestruturas deseñada pola Xunta (4 plantas de biorresiduos e 13 plantas de transferencia) para valorizar a materia orgánica
Cerceda, a 3 de xaneiro de 2022.- Sogama adxudicou á UTE Espina Obras Hidráulicas, S.A- Geoxa, General de Construcciones, S.L, por un importe de 6.383.949 euros (IVE incluído), a obra de execución e posta en marcha dunha planta de biorresiduos no Concello de Cervo (Lugo), que formará parte da rede de infraestruturas deseñada pola Xunta a fin de que a meirande parte dos concellos adheridos a Sogama teñan acceso á valorización da materia orgánica e dispoñan dunha planta de biorresiduos, ou de transferencia, a menos de 50 km de distancia.
A instalación, que se levantará no polígono industrial de Cuíña, ocupará unha parcela de case 8.000 m2 e dará servizo a 15 concellos do arco cantábrico galego (a práctica totalidade dos pertencentes á comarca da Mariña lucense, ademais de Mañón), aglutinando estes unha poboación de máis de 69.300 habitantes. É o caso de Cervo, Alfoz, Barreiros, Burela, Foz, Lourenzá, Mañón, Mondoñedo, Muras, Ourol, Ribadeo, O Valadouro, O Vicedo, Viveiro e Xove.
A planta acollerá todo o proceso de compostaxe (pretratamento, fermentación, maduración e almacenamento), disporá de capacidade para tratar 3.000 toneladas de materia orgánica cada ano, ás que habería que sumar 1.600 toneladas de material estruturante (podas e restos madeira) e producirá ao redor de 1.500 toneladas de compost que se destinará, como fertilizante natural, ao sector da agricultura e gandería.
Así mesmo, estará alimentada por enerxías renovables e equipada tamén con novos e innovadores sistemas de depuración de augas e de aire, así como de redución do nivel de ruído, garantindo con isto unha operativa respectuosa coa contorna máis inmediata.
INFRAESTRUTURA CONFORMADA POR 17 INSTALACIÓNS
Conforme á lexislación europea, os concellos dispoñen de prazo ata o 31 de decembro de 2023 para instaurar a recollida diferenciada da materia orgánica a través do contedor marrón. Se ben se trata dunha competencia municipal, contarán co respaldo da Xunta, que deseñou e articulou unha rede de infraestruturas conformada por 17 instalacións: 4 plantas de biorresiduos (unha por provincia, entrando xa en funcionamento a de Cerceda, que actualmente dá servizo a 4 concellos) apoiadas por 13 plantas de transferencia que disporán dunha tolva específca para o transvasamento da fracción orgánica.
A previsión é que as instalacións integradas nesta rede, ás que se destina un investimento de 38.600.000 euros, entren en funcionamento a finais de 2022, propiciando que, xunto con outras plantas públicas e privadas de compostaxe, a recollida selectiva dos residuos orgánicos sexa unha realidade en Galicia, dando un salto importante cara ao cumprimento dos obxectivos europeos de reciclaxe para o ano 2025.
Esta actuación conta cun cofinanciamento dos Fondos FEDER como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da Covid-19, toda vez que repercute na protección do medio ambiente e, en consecuencia, nunha maior calidade de vida.
Saúdos, Departamento de Comunicación