- Entre as mesmas inclúese a construción de novos vestiarios, o acondicionamento das actuais dependencias de oficina, vestiarios e almacén co fin de facelas máis confortables e/ou funcionais, e a ampliación do aparcadoiro de contedores
- O obxectivo do contrato, a executar no prazo de 4 meses, é optimizar a operativa industrial da planta, así como as condicións laborais dos traballadores adscritos á mesma.
Cerceda, a 17 de xuño de 2022.- Sogama adxudicou á empresa Gestal y López, S.L, por importe de 285.799,81 euros (IVE incluído), diversas melloras na planta de transferencia de Ribadumia (Pontevedra) para optimizar a súa operativa industrial, así como as condicións laborais dos traballadores adscritos á mesma.
Estas melloras inclúen a obra de construción de novos vestiarios diferenciados (masculinos e femininos), o acondicionamento das actuais dependencias de oficina, vestiarios e almacén, así como a ampliación do aparcadoiro de contedores.
ACTUACIÓNS
Os novos vestiarios localizaranse nunha pequena edificación anexa á nave principal que debe construír a firma adxudicataria. Contarán cun sistema de renovación de aire e climatización, e estarán comunicados, mediante os correspondentes accesos, tanto ao interior da nave principal como ao exterior, dispoñendo dun novo aparcamento de vehículos dotado de catro prazas.
O almacén, situado no nivel inferior da planta, será reformado para cumprir a súa función con maiores garantías. Repoñeranse distintos elementos do mesmo e renovarase a instalación eléctrica e equipos de iluminación.
O vestiario existente a día de hoxe, situado no nivel intermedio, será reacondicionado para o seu uso como almacén.
A sala de control e oficinas, localizada no nivel superior, será reformada. Contará tamén cunha nova instalación eléctrica e un novo sistema de climatización e renovación de aire que será controlado mediante un reloxo en cadro, garantindo así unha renovación constante do mesmo durante a xornada laboral.
En todo caso, as distintas dependencias reformaranse para actualizar e modernizar o seu funcionamento, e facelas máis confortables e/ou funcionais.
Igualmente, o aparcadoiro de contedores, dimensionado actualmente para 13 prazas, disporá doutras 6 máis. Esta ampliación contará cos correspondentes carrís para a rodadura de contedores e as redes de captación e drenaxe de augas residuais e pluviais, facendo necesario a construción e instalación dun novo pozo de bombeo de augas residuais á EDAR.
O contrato, que deberá executarse no prazo de 4 meses, contempla outras actuacións tales como a reparación do pavimento deteriorado ou a habilitación dun acceso temporal á chaira do aparcadoiro de contedores.
COBERTURA
Unha vintena de concellos utilizan os servizos da planta de transferencia de Ribadumia, que en 2021 transvasou 101.579,22 toneladas de bolsa negra (residuo convencional) e 4.593,88 toneladas de bolsa amarela (envases de plástico, latas e briks).
Saúdos, Departamento de Comunicación