- Localizarase no Complexo Medioambiental de Cerceda, concretamente nas inmediacións da Planta Termoeléctrica, para atender as necesidades dos traballadores e dar servizo específico a aqueles que se desprazan en coche eléctrico
- Con capacidade para 60 prazas, o novo parking constitúe unha oportunidade para promover o uso de vehículos máis sostibles e respectuosos co medio ambiente
Cerceda, a 14 de maio de 2023.- Sogama vén de adxudicar á firma Arines Obras y Proyectos, S.L, por un importe de 446.664 euros (IVE incluído), a obra de construción dun novo aparcadoiro de vehículos cuberto con marquesiñas metálicas en ménsula, e con capacidade para 60 prazas, reservando varias delas para persoas con mobilidade reducida.
O contrato, cun prazo de execución de 2 meses, contempla a subministración e instalación de 3 estacións de recarga de vehículos eléctricos de tipo trifásico de 22 kW (3x32A), estando dotada cada estación con 2 puntos de recarga mediante mangueira de 5 m con saída tipo 2. En total, serán 6 puntos de recarga eléctrica cos que contará o novo aparcadoiro que se localizará nas inmediacións da Planta Termoeléctrica para atender as necesidades do persoal adscrito ao Complexo Medioambiental.
Con esta obra, a empresa pública pretende dar servizo a aqueles traballadores que se desprazan en vehículo eléctrico e, ao mesmo tempo, promover a preferencia por coches máis respectuosos co medio ambiente e máis sostibles.
Neste sentido, é preciso indicar que, na contorna do edificio de oficinas, Sogama dispón desde hai tempo dun aparcadoiro con prazas de carga para aqueles empregados que dispoñen de vehículo eléctrico, modalidade tamén elixida para os coches utilitarios que se atopan ao servizo da Sociedade.
Con esta medida, a empresa pública pretende promover a mobilidade sostible e intelixente, no marco do Pacto Verde Europeo, apostando pola redución das emisións de CO2, tamén nos medios de transporte dos seus traballadores.
Saúdos, Departamento de Comunicación