- Esta metodoloxía posibilita a configuración dun espazo de traballo máis ordenado, limpo, organizado e seguro, no que tamén se consuman menos recursos e se xeren menos refugallos, contribuíndo á economía circular
- Coa pretensión de facer partícipes desta nova forma de xestión aos operarios adscritos á instalación, Sogama acolleu na súa sede unha xornada informativa na que se explicou con detalle os pormenores e a importancia do proxecto, que toma a forma de piloto a fin de dispoñer dun primeiro estándar LEAN
Cerceda, a 23 de abril de 2023.-Nesa carreira de mellora continua que Sogama emprendeu cara á optimización da prestación dun servizo público esencial para a poboación, como é a xestión sostible dos residuos municipais, esta compañía, da man de Prezero, contratista da planta de clasificación de envases lixeiros situada no Complexo Medioambiental de Cerceda (onde se separan por tipoloxías os envases de plástico, latas e briks procedentes da recollida selectiva dos contedores amarelos), comezará aplicando na área de almacéns desta instalación a denominada metodoloxía 5S, que se sustenta en 5 piares: clasificación (Seiri), organización (Seiton), limpeza (Seiso), estandarización (Seiketsu) e disciplina (Shitsuke).
Esta metodoloxía, que ten a súa orixe en Xapón, logo da segunda guerra mundial, xa se instaurou en empresas de todo o mundo con resultados contrastados e altamente positivos, toda vez que posibilita a configuración dun espazo de traballo máis ordenado, limpo e organizado ao minimizar a presenza de obstáculos, ferramentas e subministracións innecesarias, así como máis seguro, á vez que propicia un menor consumo de recursos e unha menor xeración de residuos, contribuíndo destes xeito á economía circular. Isto redunda nun incremento da produtividade e a eficiencia, e, en consecuencia, nunha maior satisfacción do persoal.
PILOTO PARA DISPOÑER DUN PRIMEIRO ESTÁNDAR LEAN
Co obxecto de facer partícipes desta nova forma de xestión aos operarios adscritos á planta de clasificación, Sogama acolleu na súa sede unha sesión informativa na que se explicou con detalle os pormenores do proxecto, que toma a forma de piloto co fin de dispoñer dun primeiro estándar LEAN, determinando así a mellor maneira de realizar as operacións e obter un nivel de calidade homoxéneo.
En todo caso, a pretensión é chegar a un sistema de produción como o “Lean green”, deseñado precisamente para mellorar a eficiencia operacional e garantir a sostibilidade, e dispoñer dunha metodoloxía sinxela e unificada, extrapolable a outras plantas/áreas e auditable obxectivamente con impacto na eficiencia e a prevención de riscos.
Saúdos, Departamento de Comunicación