- O principal obxectivo do mesmo é reforzar a valorización do compost mediante a súa posible utilización para a retención de contaminantes orgánicos en sistemas de tratamento de augas residuais
- Entre as tarefas a desenvolver por esta empresa pública figuran as caracterizacións da materia orgánica entregada na súa planta de compostaxe de Cerceda por parte dos concellos adscritos á mesma, así como a impartición de cursos presenciais de formación orientados a distintos públicos
- Son socios do proxecto, por parte de Galicia, Sogama e a USC (principal beneficiario), e, por parte de Portugal, a Universidade do Minho
- Cun orzamento de máis de 286.600 euros, Res4VALOR iniciouse a principios de 2022 e culminará o próximo mes de xuño
Cerceda, a 15 de marzo de 2023.- Sogama, xunto coa Universidade de Santiago de Compostela, por parte de Galicia, e a Universidade do Minho, no caso de Portugal, forma parte, en calidade de socio, do proxecto de cooperación transfronteiriza Res4VALOR, orientado a desenvolver accións de capitalización de resultados do proxecto Res2ValHum (“Valorización de residuos orgánicos: produción de substancias húmicas”), no que tamén participou esta empresa pública. Do mesmo xeito que este último, Res4VALOR enmárcase no programa Interreg VA España-Portugal (POCTEP) 2014-2020 e está financiado polo Fondo FEDER.
ACTIVIDADES TÉCNICAS E DIVULGATIVAS
O principal obxectivo deste proxecto é reforzar a valorización do compost mediante a súa posible utilización para a retención de contaminantes orgánicos en sistemas de tratamento de augas residuais. Con tal fin, Sogama achegará o compost producido na súa planta de biorresiduos de Cerceda para levar a cabo os ensaios necesarios, á vez que asumirá as caracterizacións dos residuos orgánicos entregados na instalación por parte dos concellos adscritos á mesma. Con isto pretende obter datos reais sobre a calidade da fracción orgánica contida nos residuos (FORSU) e, no caso de que así sexa necesario, activar os mecanismos pertinentes para a súa mellora, propiciando que cada vez sexan máis os municipios e cidadáns que se somen a esta iniciativa.
ACCIÓN PILOTO NO CAMPUS VIDA
A empresa pública tamén orientará parte do seu traballo cara ao máximo aproveitamento da materia orgánica mediante unha acción piloto que se desenvolverá no Campus Vida da USC e na que colaborará un dos establecementos hostaleiros situados no mesmo, que se encargará de seleccionar os restos orgánicos producidos pola clientela para a súa posterior transformación en compost, dispoñendo para isto dun composteiro de grandes dimensións. Así mesmo, o persoal de xardinería tamén colaborará nesta iniciativa achegando o material estruturante necesario.
A pretensión última destas tarefas é poñer en valor a materia orgánica producida no ámbito universitario e que esta se xestione in situ, obtendo a partir desta un compost de alta calidade que regresará aos xardíns e espazos verdes do propio campus, pechando así o ciclo de recuperación da FORSU.
SESIÓNS FORMATIVAS ORIENTADAS Á UNIVERSIDADE E CONCELLOS
A fin de que a comunidade universitaria colabore neste proxecto e tome conciencia da importancia que ten separar de forma correcta a materia orgánica en orixe, Sogama encargarase de impartir sesións formativas nos campus da USC, que dirixirá aos estudantes e comunidade educativa, reservando unha delas para o persoal do establecemento hostaleiro e o de xardinería, así como para ao propio doutros servizos que poidan estar vinculados ao proxecto.
O labor desta empresa pública estenderase tamén á impartición de charlas nos concellos da provincia da Coruña que teñan implantado, ou teñan previsto implantar en breve, o contedor marrón, explicando á veciñanza o proceso de tratamento da materia orgánica desde que se deposita neste recipiente ata que se transporta á planta de compostaxe máis próxima, onde se transforma en abono. De forma paralela, lembrará tamén os pasos a seguir na compostaxe doméstica e os seus beneficios
Iniciado a principios de 2022, o proxecto Res4VALOR, que conta cun orzamento total de 282.677,16 euros, culminará en xuño deste ano.
Saúdos, Departamento de Comunicación