- A compañía propúxose abordar a dixitalización como garantía de calidade nos seus procesos industriais e administrativos, así como na súa organización interna e na achega de datos extraídos desde o máximo rigor e transparencia
- Para esta misión, contará co asesoramento da firma galega INOVALABS DIGITAL, S.L, especializada na adopción, aproveitamento e aplicación das novas tecnoloxías dixitais en contornas empresariais
Cerceda, a 3 de outubro de 2023.- Tendo en conta a imperiosa necesidade de avanzar cara á prestación de servizos cada vez máis eficientes, áxiles, competitivos e innovadores, condicionados en todo momento por unha esixente normativa europea definida pola sostibilidade na súa máxima expresión, Sogama propúxose abordar a transformación dixital como garantía de calidade nos seus procesos empresariais, así como na súa organización interna e na achega de datos extraídos desde o máximo rigor e transparencia, o que lle permitirá transmitir información fiable e precisa.
A dixitalización da súa operativa, máis aló do propio labor industrial, orientarase tamén á xeración, recompilación, tratamento e explotación de todos os datos relativos ao circuíto que segue o residuo desde a recepción do mesmo nas súas instalacións ata o transporte, tratamento e recuperación, contemplando igualmente a enerxía consumida e producida. Así mesmo, prestarase atención á centralización da documentación para facilitar o traballo entre departamentos e proceder ao rexistro da información resultante da actividade de explotación.
Para levar a cabo esta tarefa, Sogama contará co asesoramento da firma galega INOVALABS DIGITAL, S.L, especializada na adopción, aproveitamento e aplicación das novas tecnoloxías dixitais en contornas empresariais.
Solucións tecnolóxicas específicas
Este ambicioso traballo desenvolverase en varias fases, comezando coa definición das necesidades e o desenvolvemento de estratexias personalizadas aliñadas coas metas do proxecto estratéxico a longo prazo, e proseguindo coa selección e implementación de solucións tecnolóxicas específicas adaptadas ás necesidades detectadas (software, hardware, plataformas de análise de datos, etc), sen esquecer a formación e capacitación do equipo humano nas novas tecnoloxías.
INOVALABS DIGITAL asumirá tamén a función de soporte continuo para garantir que as solucións tecnolóxicas implantadas funcionen de maneira óptima e respondan ás expectativas dunha entidade como Sogama, que aspira á excelencia empresarial en toda a súa amplitude.
Saúdos, Departamento de Comunicación