- Con isto pretende gañar en eficiencia, aforrar tempo de xestión, preservar a seguridade dos visitantes na súa infraestrutura industrial e axilizar o acceso ás mesmas dunha forma cómoda e simplificada
- A empresa pública móstrase convencida de que a dixitalización é un poderoso aliado da transición ecolóxica e enerxética, e que o seu papel tamén debe ser exemplar, de acordo cos preceptos do Pacto Verde Europeo
Cerceda, a 19 de decembro de 2022.- Co obxectivo de gañar en eficiencia, aforrar tempo de xestión, preservar a seguridade dos visitantes na súa infraestrutura industrial e axilizar o acceso á mesma dunha forma cómoda e simplificada, Sogama estreou este mes un novo sistema electrónico de visitas no que apostou plenamente pola dixitalización para facilitar a entrada e saída de persoas e mercadorías.
Con esta mellora, elimináronse os inconvenientes que retardaban o proceso, especialmente as tarefas repetitivas, o consumo de papel e os tempos de espera dos visitantes nos accesos, onde o persoal de seguridade debía comprobar que os permisos e acreditacións estaban en regra.
TECNOLOXÍA EN FAVOR DAS PERSOAS
Tomando como referencia a máxima de Sogama de utilizar a tecnoloxía en favor das persoas, esta empresa pública pretende avanzar na adopción de medidas innovadoras para reforzar, aínda máis, a seguridade, tanto do propio persoal adscrito ás súas instalacións como dos grupos de interese cos que se relaciona e interactúa, e contribuír en boa medida á “mellora da experiencia de usuario (UX)”, é dicir, que exista unha relación satisfactoria entre o usuario e o servizo prestado pola entidade.
Así, as visitas clasifícanse en dúas tipoloxías: as de provedores, a efectos de entregas de subministracións, e as comerciais e/o de cortesía, é dicir, aquelas orientadas a presentar produtos e/o servizos que poidan resultar de interese para a compañía.
No caso dos colectivos contemplados dentro do programa de visitas, tanto educativas como técnicas e institucionais, terán o seu propio circuíto dixital, aínda que moi similar ás de provedores e comerciais, pero pensado para grupos numerosos e integrados por un determinado número de persoas.
A dixitalización do sistema incrementará, aínda máis, a responsabilidade do persoal que desenvolve o seu labor dentro da infraestrutura de Sogama, que debe seguir velando en todo momento polo estrito cumprimento da normativa.
O PACTO VERDE EUROPEO, MARCO DE REFERENCIA
A Sociedade Galega do Medio Ambiente móstrase convencida de que a dixitalización é un poderoso aliado da transición ecolóxica e enerxética, e que o seu papel, en calidade de empresa pública sostible, debe ser tamén exemplar neste ámbito, de acordo cos preceptos do Pacto Verde Europeo.
Saúdos, Departamento de Comunicación