- Esta distinción súmase ás obtidas a finais do pasado ano, cando recibiu o recoñecemento ARDÁN de Alta Produtividade e Empresa Circular 2020.
- A constante modernización dos seus procesos industriais, a adopción de tecnoloxías de última xeración e a capacidade do seu equipo humano, converteu hoxe o seu complexo industrial de Cerceda como o máis eficiente e vangardista de Europa, ademais de punto de referencia para o resto do mundo.
- O presidente de Sogama, Javier Domínguez, mostrou a súa máxima satisfacción por este novo recoñecemento, que acredita a solvencia e dedicación dunha empresa plenamente comprometida co medio ambiente e o benestar social.
Cerceda, a 29 de xaneiro de 2021.- O Consorcio da Zona Franca Vigo remitiu a Sogama o certificado a través do cal se acredita que esta compañía pública, participada no 51% pola Xunta de Galicia e no 49% restante por Naturgy, obtivo o indicador ARDÁN de Empresa Innovadora 2020 dado o seu alto nivel de desempeño no área da innovación, medido a través de indicadores tales como o esforzo en I+D interna, Capacitación en I+D+i , Tecnoloxía en procesos e Produtividade Laboral.
Esta distinción súmase ás obtidas a finais do pasado ano, cando recibiu o recoñecemento ARDÁN de Alta Produtividade e Empresa Circular 2020. Non obstante, xa en 2017 fora distinguida como empresa de Alta Produtividade e, en 2019, como entidade innovadora e xeradora de riqueza, dada a súa contribución á innovación tecnolóxica, ao emprego e á competitividade empresarial.
Neste sentido, é preciso recordar que, entre directos e indirectos, a Sociedade dá emprego a 1.000 persoas, cifra á que habería que engadir os postos de traballo asociados ás paradas técnicas para labores de limpeza, mantemento e outros axustes técnicos.
MÁXIMA EFICIENCIA
A constante modernización dos seus procesos industriais, a adopción de tecnoloxías de última xeración e a capacidade do seu equipo humano, converteu hoxe o seu complexo industrial de Cerceda como o máis eficiente e vangardista de Europa, ademais de punto de referencia para o resto do mundo. Proba disto é a súa nova planta de recuperación de materiais contidos no lixo en masa, que opera en liña coa industria 4.0.
A compañía dá servizo a 295 concellos (máis de 2.242.000 habitantes) e, trala ampliación do complexo cercedense, cuxa capacidade viuse incrementada nun 81% ao subir das 550.000 toneladas anuais a 1.000.000, estaría en condicións de tratar todos os refugallos urbanos producidos en Galicia.
Así mesmo, e no marco da COVID-19, gxstiona, a petición do Sergas, os residuos sanitarios de baixo risco tales como buzos, luvas, máscaras desbotables e asimilables, someténdoos a valorización enerxética, o mellor dos tratamentos. Tralo seu acondicionamento en forma de combustible CDR, estes residuos son destruidos a máis de 850ºC, temperatura coa que se garante a eliminación de patóxenos e outros axentes nocivos.
Igualmente, a empresa vén participando en distintos proxectos europeos a fin de aportar o seu coñecemento e experiencia na da xestión dos residuos no continente, toda vez que se trata dun problema global que non entende de fronteiras e no que a colaboración e traballo conxunto de expertos resulta esencial para avanzar cara á economía circular.
O presidente de Sogama, Javier Domínguez, mostrou a súa máxima satisfacción por este novo recoñecemento, que acredita a solvencia, esforzo e dedicación dunha empresa plenamente comprometida co medio ambiente e o benestar social.
Saúdos, Departamento de Comunicación