- Recoñécese a súa contribución á innovación tecnolóxica e ao emprego, destacando no desempeño de distintos factores vinculados á competitividade empresarial.
- A Sociedade Galega do Medio Ambiente posiciónase entre o selecto 6% de empresas galegas que cumpre os criterios para obter estes distintivos.
- Neste sentido, cabe destacar o gran proxecto de ampliación do Complexo Medioambiental de Cerceda, materializado coa posta en marcha dunha nova planta enmarcada na industria 4.0 e que permitirá á compañía reforzar a súa achega a reciclaxe e acadar en 2020 o vertido técnico cero.
- En calidade de compañía pública autonómica, Sogama traballa para prestar o mellor servizo á cidadanía galega, contribuíndo ao seu benestar e calidade de vida, ao tempo que aposta pola innovación, a creación de emprego e a xeración de riqueza, ingredientes todos eles que fan desta entidade unha empresa plenamente comprometida coa sostibilidade.
Cerceda, a 23 de decembro de 2019.- O Consorcio da Zona Franca de Vigo, a través do servizo de información ARDÁN, distinguiu a Sogama como empresa innovadora e xeradora de riqueza 2019 pola súa contribución á innovación tecnolóxica e ao emprego, destacando no desempeño de distintos factores vinculados á competitividade empresarial.
A medición dos indicadores que a levaron a este recoñecemento realizouse a través de metodoloxías deseñadas e actualizadas en colaboración con grupos de investigación da Universidade de Vigo.
A Sociedade Galega do Medio Ambiente posiciónase entre o selecto 6% de empresas galegas que cumpre os criterios para obter estes distintivos, situándose, tal e como sinala o Consorcio da Zona Franca de Vigo, como “referente de gran valor na economía galega pola súa capacidade e dinamismo na atracción de talento e investimento, así como na creación de riqueza e emprego”.
Xa no ano 2017, esta empresa pública, participada no 51% pola Xunta de Galicia e no 49% por Naturgy, recibiu o certificado Ardán de Empresa de Alta Produtividade, indicador que acredita a aquelas compañías que presentan un valor engadido por empregado por riba do percentil 75 do sector no que operan durante tres anos consecutivos do período de análise e cunha taxa de crecemento superior ao 10% en cada ano.
APOSTA POLA INDUSTRIA 4.0: MÁIS RECICLAXE E MENOS VERTIDO
Neste sentido, cabe destacar o gran proxecto de ampliación do Complexo Medioambiental de Cerceda (A Coruña) a través da construción e posta en marcha dunha nova planta para a recuperación dos materiais contidos no lixo en masa e cuxa actividade, enmarcada na emerxente industria 4.0, constitúe todo un referente no ámbito da innovación, a información e as comunicacións.
Utilizando diferentes dispositivos de última xeración tales como 35 lectores ópticos, electroimáns e correntes de Foucault, entre outros, a compañía logra separar ata 11 tipos de materiais reciclables procedentes da recollida do contedor verde (plásticos, papel, cartón, vidro, etc.), propiciando a súa transformación en novos recursos.
Así mesmo, e trala entrada en operación desta instalación, en novembro de 2018, a empresa acometeu a remodelación da antiga planta de reciclaxe, tratamento e elaboración de combustible para modernizar e optimizar os seus procesos.
Esta importante mellora fai posible que Sogama poida tratar no Complexo cercedense ata 1 millón de toneladas de residuos anuais, un 81% máis que fai un ano, circunstancia que lle permitirá reforzar a súa contribución a reciclaxe e minimizar o uso do vertedoiro de Areosa, prevendo alcanzar o vertido técnico cero en 2020. Isto quere dicir que só verterá aquela fracción de refugallos que non se poida reciclar nin valorizar enerxeticamente, seguindo fielmente as directrices do modelo de desenvolvemento definido pola economía circular e dando cumprimento, con 15 anos de antelación, aos obxectivos europeos en materia de vertido.
Non en van, a planta de Sogama converterase en breve na máis moderna, innovadora e eficiente de Europa.
UN MILLEIRO DE EMPREGOS
Así mesmo, cabe destacar que, entre directos e indirectos, esta Sociedade dá emprego a 1.000 persoas, cifra á que habería que engadir os asociados ás paradas técnicas para labores de limpeza, mantemento e outros axustes técnicos.
En calidade de compañía pública autonómica, Sogama traballa para prestar o mellor servizo á cidadanía galega, contribuíndo ao seu benestar e calidade de vida, ao tempo que aposta pola innovación, a creación de emprego e a xeración de riqueza, ingredientes todos eles que fan da Sociedade Galega do Medio Ambiente unha empresa plenamente comprometida coa sostibilidade.
Saúdos, Departamento de Comunicación