-
Representantes da Xunta e da entidade pública reuníronse hoxe con membros da directiva da Fegamp para falar da revisión do canon polo tratamento do lixo para 2024
-
Javier Domínguez lembra que Galicia presentou alegacións no seu día contra a creación do imposto á vertedura e á incineración a través da Lei de residuos estatal
-
Grazas ao esforzo do Goberno autonómico, que achegará 9 M€ aos 295 concellos adheridos ao modelo Sogama, a canon medio deste ano situarase en 66 €/tonelada
-
prazo para que a Federación galega de municipios e provincias poida presentar alegacións á proposta remata o 11 de xullo e a previsión é convocar o Consello de Administración de Sogama o día 17, que elevará a decisión á Xunta para aprobación
Santiago de Compostela, 4 de xullo de 2024.- As decisións do Goberno central adoptadas no último ano e medio, incluída a aplicación do novo imposto estatal á vertedura e á incineración, tiveron un impacto nas contas de Sogama que se traduciu o ano pasado en perdas económicas superiores aos 18 millóns de euros.
Así o expuxo o presidente da empresa pública, Javier Domínguez, no transcurso da reunión que mantivo esta tarde co presidente da Federación galega de municipios e provincias (Fegamp), Alberto García, e con outros membros da directiva da entidade, co obxectivo de explicarlles de forma pormenorizada os motivos polos que o Consello de Administración da empresa pública propuxo actualizar o canon correspondente a 2024 como solución e resposta ás últimas medidas adoptadas polo Estado.
Acompañado do secretario xeral técnico e do Tesouro da Consellería de Facenda e Administración Pública, David Cabañó, o presidente de Sogama subliñou que só o imposto á vertedura e á incineración se traduciu para a entidade pública empresarial nun desembolso de 9,1 millóns de euros en 2023.
De feito, lembrou que Galicia foi unha das comunidades autónomas que durante a tramitación da Lei de residuos e solos contaminados para unha economía circular estatal alegou sen éxito en contra da creación deste novo gravame.
A esta contía houbo que engadir tamén o feito de que en xullo do ano pasado o Goberno central eliminou a retribución que viña percibindo Sogama polo investimento realizado na súa planta termoeléctrica —unha instalación de última xeración e con tecnoloxía na que prima a eficiencia e a sustentabilidade—, e outras medidas que tiveron un impacto notable nas contas da empresa, como a recuperación do imposto estatal do valor da enerxía eléctrica ou a diminución da retribución da planta de coxeración de Cerceda.
Todo isto traduciuse, segundo explicou Javier Domínguez, nun incremento de 39 euros por cada tonelada de residuos tratada por Sogama, un sobrecusto que no último ano e medio asumiu con fondos propios e en solitario a empresa pública.
Ante esta situación insostible por máis tempo, propúxose que o importe medio a pagar este ano polos 295 concellos que envían os seus residuos a Cerceda quede fixado en 66 euros por tonelada, descontada xa a achega que fará a Xunta a estes municipios a través do Fondo de cooperación local adicional e que se traducirá nun desconto de 12 euros/tonelada.
Ao respecto, David Cabañó detallou que o abono destes fondos aos concellos farase a través dun pago único, que se distribuirá conforme á poboación de cada municipio e se fará efectivo este mesmo mes de xullo. Nese momento, Sogama retomará a facturación mensual pola xestión e o tratamento dos residuos urbanos que realizou no primeiro semestre de 2024, propiciando deste xeito que as administracións locais dispoñan destes fondos no momento en que teñan que abonar as facturas correspondentes.
Decisión definitiva para este mes
A decisión sobre a actualización, en todo caso, aínda non é definitiva. Unha vez presentada a proposta, a finais do mes de xuño, abriuse un prazo de 10 días hábiles para que a Fegamp presentara as súas alegacións, prazo que finaliza o próximo 11 de xullo, tal e como lle trasladaron esta tarde ao representantes municipais.
Tras analizar as posibles achegas recibidas, o Consello de Administración de Sogama volverá reunirse o vindeiro 17 de xullo para facer a súa proposta á Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático que, previo informe do departamento de Facenda e Administración Pública, será a que aprobe o novo canon para este ano.
En todo caso, grazas ao esforzo económico do Executivo galego por habilitar o fondo de cooperación local adicional, Javier Domínguez incidiu en que o canon de Sogama seguirá sendo o máis barato de Galicia e de España, incluso despois de aplicada a actualización.