- Terá lugar o vindeiro domingo, 11 de xuño, no Campus Vida-Sur e na Alameda de Santiago, baixo o control técnico da Federación Galega de Atletismo
- O obxectivo deste evento é visibilizar e sensibilizar sobre esta enfermidade, a esclerose múltiple, ademais de recadar fondos para atender ás necesidades das persoas afectadas e as súas familias.
Cerceda, a 9 de xuño de 2023.- Sogama colabora na VI edición da Carreira e Camiñata Solidarias promovida pola Asociación Compostelá de Esclerose Múltiple (ACEM), que terá lugar o vindeiro domingo, 11 de xuño, no Campus Vida-Sur e na Alameda de Santiago baixo o control técnico da Federación Galega de Atletismo, sendo o seu obxectivo visibilizar e sensibilizar sobre esta enfermidade, a esclerose múltiple, e recadar fondos para atender ás necesidades das persoas afectadas e as súas familias.
A Asociación Compostelá de Esclerose Múltiple, recoñecida no ano 2007 como entidade de Utilidade Pública, é unha organización sen ánimo de lucro con cobertura nas provincias da Coruña e Pontevedra, estando a súa sede en Santiago de Compostela, que nace no ano 1995 co fin de contribuír a mellorar a calidade de vida das persoas afectadas por esta doenza, así como a dos seus familiares e coidadores.
Os valores que ACEM propugna baséanse nos dereitos, a calidade, a eficacia e o compromiso cara ao colectivo de persoas con esclerose múltiple, e presta servizos en diversas áreas tales como, entre outras, a fisioterapia, encamiñada a manter ao máximo posible a independencia e funcionalidade das persoas; a logopedia, dado o seu papel rehabilitador en procesos cognitivos alterados como a percepción, a atención ou a memoria, trastornos articulatorios, de deglución etc.; e a psicoloxía, orientada ás persoas afectadas e a familiares.
Así mesmo, ofertas actividades tales como pilates, para manter o benestar físico e mental dos usuarios; golf adaptado, fomentando o desenvolvemento físico; e taller de pintura como espazo de expresión e desenvolvemento persoal.
A Asociación de Esclerose Múltiple Compostela forma parte de AEDEM-COCEMFE (Asociación Española de Esclerose Múltiple – Confederación Española de Persoas con Discapacidade Física e Orgánica), de COGAMI (Confederación Galega de Persoas con Discapacidade), de FEGADEM (Federación Galega de Esclerose Múltiple), e é entidade adherida á Federación Española de Párkinson.
Saúdos, Departamento de Comunicación