- Centro de referencia no ámbito agrario e agroalimentario, os profesores e profesoras que participaron na xornada mostráronse especialmente comprometidos coa mellora da calidade ambiental do centro en xeral, e coa correcta xestión dos residuos producidos no mesmo en particular
Cerceda, a 12 de febreiro de 2024.- Técnicos ao servizo de Sogama compartiron recentemente coñecementos e experiencias en materia de xestión de residuos cun grupo de docentes de secundaria que imparten formación no CIFP A Granxa de Ponteareas (Pontevedra) e que, ademais, atópanse especialmente comprometidos coa mellora da calidade ambiental do centro en xeral, e coa correcta xestión dos residuos en particular.
Dadas as características deste Centro Integrado de Formación Profesional, todo un referente en Galicia no ámbito agrario e agroalimentario, no mesmo non só se xeran residuos nas aulas e oficinas, senón tamén na cociña, laboratorio, talleres, campo de prácticas etc. E, se ben a xestión dunha boa parte dos refugallos xa está canalizada a través de xestores autorizados, como é o caso dos envases de produtos fitosanitarios ou o aceite usado de cociña, entre outros, o equipo docente quere mellorar a súa bagaxe na redución da xeración de residuos en orixe e na correcta separación de fraccións tales coma os envases lixeiros, cuxo destino é o contedor amarelo; papel/cartón, que debe depositarse no azul; o vidro, a introducir no iglú verde; a materia orgánica, no marrón; e a parte non reciclable, que debe desviarse ao contedor xenérico.
O encontro resultou moi enriquecedor polo extraordinario interese que amosaron en todo momento os profesores e profesoras participantes cara á temática, e tamén polas cuestións que se foron abordando durante o mesmo, como son o consumo consciente e responsable, a reutilización dos materiais o maior tempo posible e a necesidade de impulsar un modelo de desenvolvemento que teña como epicentro a economía circular, abandonando o obsoleto e caduco sistema de economía lineal, definido polas malas prácticas de usar e tirar.
Saúdos, Departamento de Comunicación