- As gañas de aprender estiveron presentes en todo momento, así como a gratitude por ter recibido a charla in situ, dada a súa contribución a mellorar os coñecementos na xestión sostible dos residuos
Cerceda, a 28 de febreiro de 2024.- No seu firme compromiso co medio ambiente e tamén co benestar social, monitores de Sogama desprazáronse ao municipio coruñés de Dodro para compartir unha xornada ambiental cos usuarios da Asociación Andaina Prol Saúde Mental, cuxo labor é atender, dunha forma integral, ás persoas que padecen algún trastorno mental crónico, así como ás súas familias, nas comarcas rurais de Santiago de Compostela e Barbanza, co obxectivo de mellorar a súa calidade de vida.
A sorpresa dos educadores de Sogama foi maiúscula ao comprobar que, con carácter previo á formación, os usuarios, axudados polos profesionais que os atenden, xa traballaran a temática, de aí que tiveran preparadas unha serie de dúbidas sobre o contedor de destino de determinados residuos producidos no fogar, así como as diferenzas entre a compostaxe industrial e doméstica.
As gañas de aprender estiveron presentes en todo momento, ao igual que a gratitude por ter recibido a charla in situ, dada a súa contribución a mellorar os seus coñecementos na xestión sostible dos residuos.
Cabe sinalar que a sensibilización social figura entre as accións que leva a cabo Andaina PSM, sumando outras tales como a igualdade, atención domiciliaria, escola de familias, prevención do suicidio, información e asesoramento, lecer e integración comunitaria, voluntariado e apoio integral.
Saúdos, Departamento de Comunicación