- Terá lugar do 3 ao 6 de agosto, en Covas-Ferrol, e o evento estará complementado, unha vez máis, con actividades de lecer familiar orientadas a todos os públicos e cun perfil claramente sostible
- A Sociedade Galega do Medio Ambiente patrocinará o programa “Reciclaxe Creativa”, que se levará a cabo a través de dúas sesións diarias, cunha oferta total de 120 prazas
Cerceda, a 14 de xullo de 2023.- Do mesmo xeito que veu facendo durante os últimos anos, a Sociedade Galega do Medio Ambiente colaborará na edición de Equiocio 2023, que terá lugar do 3 ao 6 de agosto, en Covas-Ferrol, e farao promovendo a reciclaxe, un dos seus principais acenos de identidade. Con tal fin, patrocinará o programa “Reciclaxe Creativa”, que se levará a cabo a través de dúas sesións diarias, cunha oferta total de 120 prazas.
Dado o atractivo desta cita e o público heteroxéneo que cada verán acode á mesma, Equiocio sostible reúne os requisitos necesarios para acoller actividades vinculadas á xestión sostible dos residuos municipais mediante a aplicación do principio dos tres erres: a redución da produción de refugallos a través dun consumo consciente e responsable; a reutilización dos produtos durante o maior tempo posible antes de que acaben convertidos en residuos; e a separación en orixe dos mesmos, depositando cada tipoloxía no contedor correspondente para que poidan ser reciclados e transformados en novas materias primas.
Deste xeito, recordarase que o contedor amarelo é para envases de plástico, latas e briks; o azul, para o papel e cartón; o marrón (en proceso de implantación) para a materia orgánica; e o xenérico, para a parte non reciclable, fracción a partir da cal Sogama acondiciona un combustible derivado de residuos (CDR) que alimenta unha planta termoeléctrica para a produción de electricidade (50% renovable), suficiente para abastecer ao 12% dos fogares galegos.
Evento 100% sostible
Equiocio, referente estatal no mundo da hípica, reeditará o esquema dos últimos anos, acompañándose dunha atractiva e completa programación de lecer familiar para todas as idades e gustos.
Este ano, Equiocio porá en marcha a primeira edición da súa EcoMarket, na que participarán unha decena de firmas lideradas por artesáns, principalmente das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal, que ofrecerán diferentes produtos elaborados a partir de materiais de refugallo, fomentando así a cultura da reutilización.
Igualmente, o público terá a oportunidade de coñecer, a través de obradoiros específicos, as técnicas utilizadas para crear arte a partir de refugallos de diversa orixe: madeira arrastrada polas correntes aos areais convertida en espellos, andeis, lámpadas, etc, ou ben teas de velas de barco transformadas en bolsos e complementos.
Estes talleres desenvolveranse diariamente, entre xoves e domingo, a fin de divulgar os beneficios derivados do aproveitamento dos recursos existentes, evitando a xeración de residuos e promovendo a economía circular.
Máis información en https://equiocio.es/
Saúdos, Departamento de Comunicación