- Con 30 horas lectivas, dará comezo o próximo 28 de xaneiro e concluirá o 1 de marzo, impartíndose a través da plataforma pedagóxica da entidade: www.cadernoverde.gal.
- A empresa pública oferta 50 prazas, que se cubrirán por estrita orde de inscrición.
- A formación dirixirase aos técnicos, auxiliares e representantes políticos dos concellos adheridos ao modelo Sogama co obxectivo de que dispoñan dos coñecementos conceptuais básicos que poidan axudar a levar a cabo iniciativas de educación ambiental vinculadas á economía circular.
- O alumnado que supere o curso recibirá o correspondente diploma acreditativo.
Cerceda, a 15 de xaneiro de 2019.- Baixo o título “A educación ambiental, unha aposta de futuro”, Sogama convocou un curso de formación online, que impartirá de forma totalmente gratuíta a través da súa plataforma pedagóxica www.cadernoverde.gal, e que dirixirá aos concellos adheridos ao seu sistema de xestión.
O obxectivo é que técnicos, auxiliares e representantes políticos dos distintos municipios dispoñan das nocións básicas que lles permitan levar a cabo iniciativas de educación ambiental orientadas a abandonar o xa caduco e obsoleto modelo de economía lineal e transitar cara a un circular no que cobre protagonismo o máximo aproveitamento dos produtos, a redución de residuos e a conversión destes en recursos.
O curso, dimensionado para 30 horas lectivas, dará comezo o próximo 28 de xaneiro e concluirá o 1 de marzo.
A Sociedade oferta 50 prazas, que se cubrirán por estrita orde de inscrición.
PROGRAMA
Un total de dez temas conformarán o programa a impartir por dous técnicos ao servizo de Sogama, que exercerán os labores de titoría.
Abordarase así a historia e marco lexislativo da educación ambiental, a figura do educador, a economía circular, a formación de cidadáns conscientes e responsables, o fomento do desenvolvemento sostible, as técnicas, estratexias e deseño de actividades e materiais didácticos, o principio europeo dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe) e a educación ambiental no sistema Sogama.
As distintas temáticas irán asociadas aos correspondentes test de avaliación, que deberán ser superados polo alumnado para obter o diploma expedido pola Sociedade Galega do Medio Ambiente.
De forma complementaria, o curso contará cun foro a través do cal se proporcionarán novas de actualidade e novidades de interese relacionadas cos contidos impartidos, servindo tamén de punto de encontro para o intercambio de coñecementos e experiencias por parte dos participantes, circunstancia que enriquecerá a formación e posibilitará a estensión daquelas boas prácticas con resultados probados e contrastados.
FORMACIÓN AFIANZADA
Nos últimos anos, Sogama xa impartiu 13 cursos de formación online, tanto básicos como avanzados, sobre xestión de residuos e economía circular, nos que participaron máis de 700 persoas pertencentes a distintos colectivos (profesorado, representantes políticos, técnicos municipais e membros das Forzas de Seguridade –Garda Civil e Policía).
Saúdos, Departamento de Comunicación