- O presidente da empresa pública, Javier Domínguez, visitou hoxe o posto instalado na cidade coincidindo coa véspera do Día internacional da reciclaxe
- Durante toda a mañá e ata as 18,30 horas, dous monitores resolverán as dúbidas dos participantes e aproveitarán as consultas que lles trasladen para recompilar datos sobre o comportamento deste colectivo ante a xestión dos residuos
- Baixo o lema ‘Non deixes que a túa reciclaxe sexa cuestión de sorte’, realizaranse diferentes actividades cun enfoque lúdico-pedagóxico como o xogo da ruleta, no que as persoas que se acheguen ata a caseta poderán conseguir agasallos corporativos
Santiago de Compostela, 16 de maio de 2022.- A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a través da empresa pública Sogama, instalou hoxe un punto informativo sobre xestión e tratamento de residuos no Campus Vida da Universidade de Santiago de Compostela (USC) co obxectivo de sensibilizar aos mozos co gallo do Día internacional da reciclaxe, que se celebra mañá martes en todo o mundo.
O lugar escollido para instalar a caseta —atendida por dous monitores e aberta ao público desde as 10,30 ata as 18,30 horas de hoxe— foi un punto intermedio entre a Biblioteca Concepción Arenal e a Facultade de Dereito, unha zona de tránsito para moitos estudantes, polo que desde primeira hora recibiu un bo número de visitas.
O presidente de Sogama, Javier Domínguez, achegouse este mediodía ao punto informativo, onde explicou que o obxectivo da iniciativa é resolver as dúbidas que poidan ter os transeúntes e, particularmente, os universitarios sobre a separación de residuos en orixe e o seu posterior depósito nos diferentes contedores de recollida selectiva. Así mesmo, preténdese recompilar datos sobre o comportamento dos mozos ante a xestión dos residuos urbanos e conciencialos da importancia de poñer en práctica cada día o principio das tres erres (redución, reutilización e reciclaxe).
A información que se proporciona aos visitantes combina o enfoque pedagóxico e o lúdico, dispoñendo para isto de pantallas de vídeo interactivas. Así mesmo, un dos atractivos da iniciativa —baixo o lema Non deixes que a túa reciclaxe sexa cuestión de sorte— é o xogo da ruleta, a través do cal os participantes poderán facerse con diferentes agasallos corporativos, gratificando así o seu interese e implicación.
Na véspera do Día internacional da reciclaxe, a Xunta, a través de Sogama, quere dar máis visibilidade ao hábito de reciclar entre o público universitario e facilitarlles aos mozos a oportunidade de preguntar e deixar constancia dos seus comentarios, observacións e reflexións ao respecto, e que cooperen na transmisión de coñecementos e na sensibilización ambiental da poboación.
Neste sentido, cómpre subliñar que Galicia avanza con paso firme cara ao cumprimento dos obxectivos europeos en materia de reciclaxe e para isto necesita da colaboración de toda a cidadanía. Segregando os residuos no fogar, no traballo, na escola, na universidade e no tempo de lecer, e utilizando correctamente os contedores, o camiño da reciclaxe farase con maiores garantías e mellores resultados.
Fonte e imaxe: Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda