- Tras 14 edicións con resultados moi positivos e a participación de preto de 800 profesionais de distintos perfís, a empresa pública proseguirá con esta iniciativa a fin de contribuír a mellorar a formación ambiental da poboación.
- Se ben unha gran parte dos cursos leváronse a cabo a través do CAFI, estando dirixidos a docentes dependentes da Xunta de Galicia, noutros casos utilizouse a propia plataforma educativa de Sogama www.cadernoverde.gal para públicos tales como representantes municipais e membros das Forzas de Seguridade.
- Xestión sostible de residuos, economía circular e educación ambiental veñen sendo os tres grandes ámbitos temáticos abordados.
Cerceda, a 20 de setembro de 2019.- A falta de concretar datas, Sogama decidiu dar continuidade en 2020 aos seus cursos de formación online que, de forma gratuíta, dirixe a distintos colectivos sociais.
O balance dos 14 cursos destas características realizados ata o momento foi moi positivo e é por iso que a empresa proseguirá con esta dinámica a fin de contribuír a mellorar a formación ambiental da poboación no consumo responsable e a correcta xestión dos residuos urbanos.
Ata o día de hoxe, preto de 800 persoas beneficiáronse desta iniciativa, na súa maioría docentes, tanto de Educación Infantil como de Primaria e Secundaria, dependentes da Xunta de Galicia. Nestes casos, os cursos leváronse a cabo a través do CAFI (Centro Autonómico de Formación e Innovación).
Para outros públicos, a compañía serviuse da súa propia plataforma educativa “Caderno Verde” (www.cadernoverde.gal), a través da cal desenvolveu cursos específicos destinados a representantes municipais (técnicos, administrativos, persoal adscrito ao servizo de recollida de lixo, concelleiros, alcaldes e outros colectivos tales como a Policía Local e a Garda Civil.
A xestión sostible dos residuos urbanos, a economía circular e a educación ambiental constitúen os tres grandes eixes temáticos sobre os que se centraron os diferentes cursos, cuxa duración vén sendo de 30 e 50 horas lectivas, clasificándose entre básicos e avanzados.
A problemática inherente á elevada xeración de lixo, o principio comunitario dos tres erres (Redución, Reutilización e Reciclaxe), a actividade industrial de Sogama e a compostaxe nas súas distintas vertentes constitúen algunhas das cuestións abordadas, sen esquecer a loita contra o cambio climático e a importancia das enerxías renovables
Saúdos, Departamento de Comunicación