- Esta acción enmárcase no programa educativo “Recíclate con Sogama” 2021-2022, no que participan 24 colexios de toda Galicia, sendo dous deles de Ferrol: “Almirante Juan de Lángara y Huarte” e “San Xoán de Filgueira”.
- As charlas e actividades xiraron en torno ao principio dos tres erres (Redución, Reutilización e Reciclaxe), constituíndo estes o soporte da xestión responsable e circular dos residuos urbanos.
- Para levar a cabo os seus proxectos, Sogama subministraou nos centros diversos medios materiais, tales como illas de reciclaxe e composteiros, así como outros didácticos e divulgativos.
Cerceda, a 19 de xaneiro de 2022.- Educadores de Sogama desprazáronse recentemente a Ferrol para levar a cabo sesións formativas sobre xestión sostible de residuos urbanos nos colexios “Almirante Juan de Lángara y Huarte” e “San Xoán de Filgueira”.
Esta acción enmárcase no programa “Recíclate con Sogama” 2021-2022, canalizado a través do Plan Proxecta da Xunta de Galicia, e no que participan, tras un proceso de selección, un total de 24 centros de distintos puntos de Galicia, incluíndo os dous de Ferrol referenciados.
Tras unha primeira visita de diagnóstico realizada a finais do pasado ano e a paréntese vacacional de Nadal, Sogama retomou este programa a fin de instruír aos participantes na xestión responsable dos residuos que producen cada día, incidindo na importancia de aplicar, de forma prioritaria, os tres erres (Reducir, Reutilizar e Reciclar) para minimizar a cantidade de lixo xerado, alongar a vida útil dos produtos e propiciar a súa reciclaxe, unha vez convertidos en residuos, depositando cada tipoloxía no contedor correspondente.
Desta forma, e en plena sintonía co modelo de economía circular ao que a sociedade debe avanzar, propiciarase a súa transformación en materias primas coas que se fabricarán novos artigos, pero cun notable aforro no consumo de enerxía e recursos.
Mentres que o CEIP San Xoán de Filgueira participou en edicións anteriores deste programa co seu proxecto “Aforramos ou afogamos”, o CEIP “Almirante Juan de Lángara y Huarte” fainopor primeira vez cun proxecto que leva por título “ Ecoviaxe co Almirante”.
OBXECTIVOS
A pretensión é que os colexios desenvolvan unha iniciativa na que estea presente o principio dos tres erres, e que a segregación de residuos sexa unha constante, integrándose plenamente nos hábitos diarios de escolares e docentes.
Para isto, Sogama subministrou aos centros illas de reciclaxe, conformadas por tres contedores (amarelo, azul e verde), con capacidade para 120 litros, nos que a comunidade educativa deberá depositar os refugallos separados por materiais. Así mesmo, tamén lles entregou un composteiro para un mellor aproveitamento da materia orgánica mediante a súa transformación en compost, un abono de alta calidade para a agricultura e xardinería.
Ademais de todo isto, os centros dispoñen de diferente material didáctico e divulgativo co que se pretende que os pequenos aprendan xogando e gozando, e que a reciclaxe se incorpore ás súas rutinas, tanto no colexio como no fogar e contorna social.
Saúdos, Departamento de Comunicación