- O contrato, establecido para un período de catro anos, inclúe a subministración, o proxecto, a obra, a montaxe e o mantemento da instalación.
- A nova instalación estará dotada con catro liñas de tratamento con capacidade para depurar 225 metros cúbicos de lixiviado diario cada unha, cun rendemento de depuración mínimo dun 67%.
- A prioridade de Sogama é garantir en todo momento que as augas que se devolven á canle pública cumpran de forma rigorosa coas esixencias recollidas na Autorización Ambiental Integrada.
Cerceda, a 8 de marzo de 2019.- O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión de onte, autorizou a Sogama para contratar, por un importe de 11.439.722,09 euros (IVE incluido), a subministración, o proxecto, a obra, a montaxe e o mantemento dunha nova planta de depuración de lixiviados no seu vertedoiro de residuos non perigosos de Areosa, en Cerceda.
A decisión de construír esta nova infraestrutura obedece a un cambio de estratexia na operativa de Sogama, derivada das mellores circunstancias en que o vertedoiro desenvolve o seu labor. A ampliación do complexo industrial da entidade pública, que verá incrementada a súa capacidade nun 81%, pasando das 550.000 toneladas anuais a 1.000.000, fará posible que todos os residuos urbanos producidos en Galicia poidan recibir un tratamento óptimo e que diminúa de forma considerable a cantidade de lixo destinado a vertedoiro.
De feito, a pretensión é chegar en 2020 ao 10%, o que se coñece como vertido técnico cero; isto quere dicir que só se verterrá aquela fracción de refugallos que non poida ser reciclada nin valorizada material ou enerxeticamente, dando debido cumprimento á xestión xeraquizada de residuos que promulga a Unión Europea e que comeza pola prevención e a redución, continúa coa reciclaxe e a valorización, e conclúe co depósito en vertedoiro, a alternativa menos desexable.
MÁIS EFICIENCIA E MENOR GASTO
O sistema de depuración actual caracterízase por dispoñer de plantas de depuración móbiles que se desprazan de lugar para dar cobertura ás necesidades no distintos puntos. Agora, e aproveitando a finalización do contrato anterior, considérase que a mellor opción é unha instalación fixa que responda aos requerimientos dun volume de lixo estable que progresivamente irá a menos.
A nova planta estará dotada con catro liñas de tratamento con capacidade para depurar 225 metros cúbicos de lixiviado diario cada unha, sendo o seu rendemento mínimo de depuración do 67%.
Adicionalmente, e ao tratarse dunha instalación fixa que finalmente pasará a ser propiedade de Sogama, unha vez se teña abonada a amortización ao adxudicatario, suporá un aforro de custes a longo prazo. De continuar coa dinámica en vigor ata o de agora, suporía asumir o pagamento de máquinas de depuración novas cada catro anos aproximadamente.
A correcta depuración de lixiviados constitúe desde sempre unha prioridade para Sogama xa que, como non poden ser doutra forma, estes deben ser tratados axeitadamente a fin de que as augas que se devolven á canle pública cumpran de forma rigorosa coas esixencias recollidas na Autorización Ambiental Integrada do propio vertedoiro.
Saúdos, Departamento de Comunicación