- O presidente da empresa pública, Javier Domínguez, e o alcalde, Gonzalo Durán, asinaron esta mañá o correspondente convenio de colaboración
- As actuacións a financiar con estes fondos consistirán na mellora do firme nos accesos a Romarís e Fontenla, a extensión da rede de saneamento neste último núcleo e a limpeza e mellora da drenaxe en viarios municipais
- O acordo enmárcase na construción da planta pública de compostaxe proxectada no polígono de Baión, cuxas obras está previsto que comecen a finais de setembro
Vilanova de Arousa (Pontevedra), 12 de agosto de 2022.- A Xunta de Galicia, a través da Sociedade Galega do Medio Ambiente (Sogama), destinará preto de 150.000 euros ao cofinanciamento de varios proxectos municipais de utilidade pública e cun marcado carácter ambiental no concello de Vilanova de Arousa, contribuíndo deste xeito a mellorar o benestar e a calidade de vida da veciñanza.
Con estes fondos, está previsto que se executen as obras correspondentes aos proxectos de mellora do firme nos accesos aos lugares de Romarís e Fontenla, a extensión da rede de saneamento neste último punto, así como a limpeza e mellora da drenaxe en viarios municipais.
O acordo —que se plasmou esta mañá na sinatura dun convenio de colaboración entre o presidente da empresa pública, Javier Domínguez, e o rexedor, Gonzalo Durán— enmárcase o na construción por parte da Xunta dunha nova planta de compostaxe no municipio pontevedrés.
Cun investimento previsto de aproximadamente 18 millóns de euros, a planta de Vilanova —concibida para ser a instalación de referencia na provincia de Pontevedra e que dará servizo a uns 25 concellos do chamado eixo atlántico sur—, localizarase no polígono industrial de Baión, onde Sogama adquiriu no seu momento 7 parcelas que suman unha superficie de 20.000 metros cadrados.
Terá capacidade para tratar ata 15.000 toneladas anuais de materia orgánica contida nos residuos domésticos e outras 7.000 toneladas de material estruturante. O resultado final traducirase na produción de 6.000 toneladas ao ano de compost de alta calidade, que será empregado despois no eido da agricultura e da xardinería, substituíndo a fertilizantes artificiais.
Cómpre subliñar que Sogama xa conta con todas as autorizacións necesarias para acometer a construción da futura infraestrutura, presentou no Concello o correspondente proxecto de execución e prevé iniciar as obras sobre o terreo a finais do vindeiro mes de setembro.
Tendo en conta que esta instalación será unha das 4 plantas de compostaxe que prevé construír Sogama para facilitar o cumprimento da normativa europea de biorresiduos —unha por provincia, estando xa operativa a de Cerceda e en proxecto as de Cervo (Lugo), e Verín (Ourense), ademais da prevista en Vilanova—, o acordo subscrito hoxe pretende compensar ao ente local e, polo tanto, aos veciños, por acoller a futura planta.
Ademais, as obras referenciadas mellorarán o tráfico na zona e contribuirán a que a empresa pública poida prestar un mellor servizo tanto ao concello de Vilanova de Arousa como a outros próximos que utilicen os servizos desta instalación tras implantar nos seus respectivos termos municipais o chamado quinto contedor, o de cor marrón, destinado a recoller de forma diferenciada a materia orgánica para a súa posterior transformación en compost.
ESTRATEXIA GALEGA DE BIORRESIDUOS
Cómpre lembrar que no marco da Estratexia galega de biorresiduos impulsada pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, deseñouse unha nova rede de infraestruturas á que Sogama está a dar forma, asumindo a súa construción e posterior xestión.
Esta rede, cun investimento estimado de 40 millóns de euros, estará conformada por un total de 17 instalacións: as xa mencionadas 4 plantas de biorresiduos (unha por provincia) e 13 instalacións de transferencia que contarán cunha tolva específica para o transvasamento da fracción orgánica (7 serán adaptadas e 6 de nova construción).
O obxectivo último é que a práctica totalidade dos concellos adheridos a Sogama (295 en total) dispoñan dunha planta de compostaxe ou de transferencia de residuos a menos de 50 km de distancia.
Fonte: Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda