- A intervención de representantes desta empresa pública terá lugar no marco do ciclo de conferencias “IV Encontros de Experiencias Arteixo Innovación Educativa”, que organiza a Concellería de Relacións coa Comunidade Educativa.
- Tras explicar a filosofía e cometido de Sogama, así como o proceso de ampliación do complexo cercedense, debullaranse os distintos programas educativos promovidos pola compañía para axudar aos cidadáns a levar a cabo unha xestión máis sostible dos seus residuos.
Cerceda, a 8 de maio de 2019.- No marco do ciclo de conferencias “IV Encontros de Experiencias Arteixo Innovación Educativa”, que organiza a Concellería de Relacións coa Comunidade Educativa do concello de Arteixo, representantes de Sogama imparten hoxe, no centro cívico do municipio, unha sesión formativa que, baixo o título “A educación ambiental no modelo Sogama”, dirixirase fundamentalmente aos docentes que desenvolven o seu labor profesional nos centros escolares desta localidade coruñesa.
Tras explicar a filosofía e cometido industrial da Sociedade Galega do Medio Ambiente, que a día de hoxe xestiona os residuos urbanos producidos por 295 concellos, entre eles o de Arteixo, os portavoces desta empresa pública debullarán o proxecto de ampliación do complexo industrial cercedense, que culminará a mediados deste mesmo ano tras poñer en marcha unha nova planta para a recuperación de materiais contidos na bolsa negra e unha vez completado o proceso de remodelación da actual planta de reciclaxe, tratamento e elaboración de combustible.
Cun investimento de 29 millóns de euros, a ampliación de Sogama incrementará a capacidade de tratamento do complexo nun 81%, circunstancia que lle permitirá xestionar de forma óptima todos os refugallos urbanos producidos en Galicia, multiplicar por catro a súa achega da reciclaxe, contribuíndo desta forma a alcanzar os esixentes obxectivos impostos por Europa na materia, e chegar en 2020 ao vertido técnico cero (10%), o que quere dicir que só depositará en vertedoiro aquela parte do lixo que non se poida reciclar nin valorizar enerxeticamente.
Tamén abundarán no exitoso programa de compostaxe doméstica promovido pola compañía e ao que xa se adscribiron preto de 300 entidades, entre concellos, centros educativos e colectivos sociais, tendo repartido entre os mesmos máis de 10.000 composteiros, ademais de impartir cursos de formación presenciais destinados aos veciños participantes e dotalos igualmente con manuais didácticos de apoio para que poidan interiorizar a técnica de forma correcta e obteñan así, a partir da materia orgánica, un abono natural de calidade.
PEDAGOXÍA EN CLAVE CIRCULAR
Xa no apartado estritamente educativo, explicarase o alcance dos distintos programas pedagóxicos, de formación e de concienciación que Sogama está adesenvolver para inculcar as boas prácticas ambientais entre a poboación e promover a aplicación efectiva do principio dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe).
É o caso do programa de visitas ás súas instalacións, polo que pasaron máis de 75.000 persoas; o programa “Recíclate con Sogama”, co que se persegue instaurar a reciclaxe nas aulas; a plataforma educativa “Caderno Verde”, a través da cal os pequenos poden estudar as distintas materias contempladas no currículo, pero desde unha perspectiva ambiental; as campañas desenvolvidas para reducir o desperdicio alimentario, como é o caso de “Comer si, tirar non”; os diversos soportes lúdicos, tanto en formato físico como online; o programa de charlas externas; e a edición de publicacións e vídeos didácticos a través dos cales lograr unha mellor comprensión da problemática que entraña a elevada produción de lixo e formas de facer fronte ao mesmo, debendo primar a responsabilidade compartida e o concepto de economía circular.
Saúdos, Departamento de Comunicación