
- Así o manifestou o presidente de Sogama, Javier Domínguez, en Radio Voz Galicia, onde tamén apelou á necesaria colaboración e implicación dos concellos e cidadanía para incrementar as taxas de reciclaxe na nosa comunidade
Cerceda, ao 10 de febreiro de 2025.- O contedor marrón atópase en fase de implantación por parte dos concellos e para moitos cidadáns constitúe unha novidade nas rúas. Xunto co amarelo, para envases lixeiros; o azul, para papel e cartón; e o xenérico, para a fracción resto; o marrón, concibido para depositar no mesmo a materia orgánica, representa un novo paso cara á consecución de maiores taxas de reciclaxe.
O seu éxito vai depender fundamentalmente da colaboración cidadá, do mesmo xeito que as outras fraccións de residuos recollidas selectivamente. Con todo, moitos concellos, para minimizar a presenza de impropios, dotaron a estes recipientes cunha chave, que se proporciona aos veciños que realmente desexan colaborar no sistema, mentres que outros recorreron a métodos máis innovadores como é o caso da apertura do contedor con tarxeta. O obxectivo de ambos sistemas é reducir o depósito de elementos que non corresponden a este contedor e, desta forma, garantir un compost de alta calidade en planta.
En declaracións a Radio Voz Galicia, o presidente de Sogama, Javier Domínguez, indicou que, aínda que a xestión de residuos é unha competencia municipal, a Xunta de Galicia quixo axudar aos concellos a cumprir a lei habilitando, a través de Sogama, unha infraestrutura conformada por 17 instalacións: 4 plantas de biorresiduos, unha por provincia (Cervo, en Lugo; Cerceda, na Coruña; Vilanova de Arousa, en Pontevedra; e Verín, en Ourense) e 13 plantas de transferencia de apoio ás que se dotou cunha tolva específica para o transvasamento da materia orgánica.
A pretensión é que a práctica totalidade dos 295 concellos adheridos a Sogama, dispoñan dunha planta de biorresiduos ou de transferencia a menos de 50 km de distancia.
Obxectivo: compost de alta calidade
De forma paralela, Domínguez explicou que a compañía traballa dende hai anos nun programa de compostaxe doméstica ao que están adheridas 418 entidades, entre as que se atopan 231 concellos, ademais de centros educativos e colectivos sociais. Entre estas distribuíu, de forma gratuíta, máis de 23.000 composteiros que posibilitan unha operativa para os usuarios máis cómoda, hixiénica e eficiente.
As familias que forman parte desta iniciativa deben habitar en vivendas unifamiliares que dispoñan de terreo no que aplicar o compost resultante, pechando así o ciclo de reciclaxe e recuperación da materia orgánica.
Ademais de proporcionar os medios, Sogama tamén imparte sesións formativas presenciais e edita material didáctico de apoio para que a selección de residuos en orixe sexa a correcta e, deste xeito, tanto pola vía da compostaxe industrial como ds doméstico, o abono resultante cumpra con todos os requisitos contemplados na normativa vixente para ser aplicado ao solo con garantías e sen restricións.
En todo caso, Domínguez Lino apelou á necesaria colaboración e implicación dos entes locais e cidadanía para incrementar as taxas de reciclaxe na nosa comunidade.
Saúdos, Departamento de Comunicación