- A directora xeral de Sogama e o director de Lipor, xunto a membros dos seus respectivos equipos técnicos, mantiveron na sede desta última (Oporto-Portugal), unha reunión na que analizaron o alcance e contido de posibles proxectos orientados, de forma prioritaria, a incrementar a reciclaxe e a descarbonizar os procesos industriais de ambas as dúas entidades
- En todo caso, serán propostas e iniciativas que se enmarcarán no Plan de Acción de Economía Circular e no Pacto Verde Europeo, cuxo principal obxectivo é situar á UE no camiño cara a unha transición ecolóxica e alcanzar a neutralidade climática de aquí a 2050
- Sogama e Lipor queren liderar a ambición climática aos dous lados da fronteira a través dunha xestión dos refugallos máis sostible, máis eficiente e cunha maior proxección social, capaz de xerar máis riqueza e emprego verde
Oporto, a 15 de xaneiro de 2023.- Sogama (Galicia) e Lipor (Portugal) estudan posibles candidaturas conxuntas en materia de residuos ao Programa de Cooperación Transfronteiriza INTERREG España-Portugal (POCTEP) 2021-2027.
Con tal fin, a directora xeral de Sogama, Mirta Sueiro, e o director de Lipor, Fernando Leite, xunto a membros dos seus respectivos equipos técnicos, mantiveron, na sede desta última, en Oporto (Portugal), unha reunión na que analizaron o alcance e contido de posibles proxectos orientados de forma prioritaria a incrementar a reciclaxe e a descarbonizar os procesos industriais de ambas as dúas entidades, logrando con isto un mellor desempeño e a prestación dun mellor servizo público.
En todo caso, serán propostas e iniciativas que se enmarcarán no Plan de Acción de Economía Circular e no Pacto Verde Europeo, cuxo principal obxectivo é situar á Unión Europea no camiño cara a unha transición ecolóxica, de tal forma que se alcance a neutralidade climática de aquí a 2050.
Dado que a correcta xestión dos residuos ten un peso transcendental na loita contra o cambio climático, Sogama e Lipor, en calidade de entidades punteiras no sector ambiental aos dous lados da fronteira, queren liderar a ambición climática a través dunha xestión dos refugallos máis sostible, máis eficiente e cunha maior proxección social, capaz de xerar máis riqueza e máis emprego verde.
No seu momento, Sogama deu un importante paso ao poñer en marcha, en 2018, unha planta automatizada, que opera en liña coa industria 4.0, para a recuperación de materiais contidos no lixo en masa, incrementando deste xeito a súa achega á reciclaxe. Dentro dese compromiso de mellora continua, a innovación ocupa un lugar relevante, de aí o interese da empresa pública galega de que a I+D+i ocupe un lugar prioritario na súa estratexia empresarial de 2023.
COOPERACIÓN CONSOLIDADA
LIPOR (Asociación de Municipios para a Xestión Sostible dos Residuos do Gran Oporto) xestiona os refugallos urbanos producidos polos oito municipios que a integran, isto é, Espinho, Gondomar, Maia, Matosinhos, Oporto, Póvoa de Varzim, Valongo e Vila do Conde.
Anualmente, trata ao redor de 500.000 toneladas de residuos urbanos xerado por 1 millón de habitantes, e faino a través dun sistema integral baseado na reciclaxe e a compostaxe, e complementado coa valorización enerxética da parte non reciclable, destinando a vertedoiro controlado a fracción de rexeitamentos.
Non é a primeira vez que Sogama e Lipor colaboran en proxectos europeos de xestión de residuos. Un dos últimos foi Res2ValHum “Valorización de residuos orgánicos: produción de substancias húmicas”. Enmarcado no programa INTERREG V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020, centrouse na promoción da compostaxe industrial como ferramenta de xestión de residuos orgánicos, poñendo en valor a utilización do compost resultante en aplicacións diversas, coa conseguinte redución da cantidade de refugallos depositados en vertedoiro.
Liderado pola Universidade do Minho (Portugal), ademais da participación de Sogama e Lipor, o proxecto contou co apoio doutros dous socios portugueses (CVR -Centro para a Valorización de Residuos- e BRAVAL -Valorización e Tratamento de Residuos Sólidos, S.A-, ) e outros dous galegos (USC e CVAN -Centro de Valorización Ambiental do Norte, S.L-).
Saúdos, Departamento de Comunicación