- Javier Domínguez mantivo unha xuntanza co profesor e doutor José Antonio Rodríguez Añón, coordinador deste Máster e do Programa de Doutoramento en Enerxías Renovables, así coma con Ángeles López Agüera, doutora e profesora titular na Facultade de Física
- Ambos os dous estiveron acompañados por Mahamat Habid Bechir, un estudante de doutoramento da República do Chad interesado en analizar o sistema Sogama e avaliar a posibilidade de reproducilo no seu país
Cerceda, a 16 de xuño de 2022.- Sogama e o Máster en Enerxías Renovables, Cambio Climático e Desenvolvemento Sostible da Universidade de Santiago de Compostela (USC) estudarán posibles vías de colaboración en proxectos de cooperación internacional vinculados á xestión dos residuos urbanos e nos que a empresa pública ten experiencia.
Así o manifestou o presidente executivo da Sociedade Galega do Medio Ambiente, Javier Domínguez Lino, tras unha xuntanza mantida na sede da entidade en Cerceda (A Coruña) co Prof. Dr. José A. Rodríguez Añón, Coordinador deste Máster e do Programa de Doutoramento en Enerxías Renovables e Sustentabilidade Enerxética, e coa Dra Ángeles López Agüera, profesora titular na Facultade de Física, concretamente nas áreas de Física Atómica, Molecular e Nuclear, ademais de ser asesora de Nacións Unidas no seguimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible para América Latina e o Caribe, presidenta do Comité CLRLA da UNESCO, membro do Panel Internacional para o Cambio Climático e Coordinadora do Grupo de Aplicacións Enerxéticas Sostibles (SEAG) da USC, un grupo multidisciplinar formado por membros de 12 nacionalidades diferentes que desenvolve investigacións en enerxía solar fotovoltaica, deseño de tecnoloxías apropiadas e desenvolvemento de comunidades sostibles.
Ambos estiveron acompañados por Mahamat Habid Bechir, un estudante de doutoramento da República do Chad (África central) interesado en analizar o sistema Sogama e avaliar a posibilidade de reproducilo no seu país, onde a única forma de xestión dos refugallos é a través de vertedoiros incontroladas a ceo aberto.
A CONSOLIDACIÓN DE SOGAMA, UN TRABALLO DE TRES DÉCADAS
Neste marco, Domínguez Lino explicou que a consolidación de Sogama foi un proceso longo ao que se dedicou moito esforzo e traballo, e que implicou investimentos millonarios.
De feito, tal e como indicou, no último lustro a empresa impulsou melloras no seu modelo por un importe superior aos 90 millóns de euros. A fin de facilitar a comprensión da evolución da Sociedade Galega do Medio Ambiente ao longo dos seus 30 anos de vida, fixo un percorrido cronolóxico polos principais fitos. Así, lembrou que, na década dos 90, contabilizáronse en Galicia máis de 300 vertedoiros municipais que non cumprían as mínimas condicións de seguridade e control, un escenario totalmente superado a día de hoxe, pois, grazas á actividade desta empresa pública, xa non queda activo ningún vertedoiro municipal incontrolado e os residuos urbanos producidos por 295 concellos (máis de 2.240.000 habitantes) son tratados conforme ás directrices da Unión Europea. Sogama posibilita a reciclaxe da parte susceptible de ser recuperada a través desta vía, e a valorización enerxética da fracción non reciclable, xerando a partir da mesma a enerxía equivalente ao consumo do 12% dos fogares galegos.
Finalizado o encontro co máximo responsable de Sogama, o grupo, acompañado por técnicos da Sociedade, efectuou un percorrido guiado polo Complexo Medioambiental para ver in situ a selección dos materiais que conforman a bolsa amarela (envases de plástico, latas e briks), que son remitidos aos centros recicladores, así como o tratamento da bolsa negra (fracción resto), da que se separa nunha planta que opera con tecnoloxía 4.0, os residuos susceptibles de ser reciclados, transformando a parte non reciclable en electricidade.
Saúdos, Departamento de Comunicación