- Así o expresou o presidente desta compañía pública, Javier Domínguez, durante a súa intervención nunha nova edición do “Foro Conversa” promovido pola Cadea Ser e centrado na produción e consumo responsable.
- A aplicación prioritaria dos tres erres, a firme aposta polo tren como medio de transporte preferente para os residuos e a tarefa de educación ambiental que leva a cabo esta entidade, constitúen algúns dos ingredientes que contribúen á sustentabilidade desta empresa.
- Domínguez considera que Galicia é unha comunidade concienciada coa produción e o consumo responsable, pero “temos marxe de mellora”
Cerceda, a 19 de novembro de 2021.- “Sogama é unha empresa pública sostible: punteira, innovadora e eficiente desde a dimensión industrial, viable desde a económica e integradora desde a vertente social”. Así cualificou Javier Domínguez á compañía que preside, convertida a día de hoxe en todo un referente para Europa e o resto do mundo, e fíxoo con motivo da súa participación no “Foro Conversa” da Cadea Ser en Galicia.
Nesta ocasión, o Foro referenciado centrouse no obxectivo número 12 de desenvolvemento sostible de Nacións Unidas (Produción e consumo responsable) celebrado o pasado xoves, 18 de novembro, no Auditorio Abanca, en Santiago de Compostela. Concretamente, a intervención de Domínguez Lino tivo lugar na primeira mesa redonda “Produción responsable. Empresas para a sustentabilidade”, moderada por Luís Iglesias, xornalista de Radio Galicia.
O máximo responsable de Sogama referiuse aos logros da entidade nos últimos anos, destacando a ampliación do Complexo Medioambiental de Cerceda, que pasou de tratar 550.000 toneladas de refugallos a máis de 800.000 na actualidade, dispoñendo de capacidade suficiente para 1.000.000 de toneladas. Con tal fin, construíuse e equipou unha nova planta de recuperación de materiais contidos no lixo en masa, en liña coa industria 4.0, e remodelouse a antiga planta de reciclaxe, tratamento e elaboración de combustible. Con esta mellora, a compañía pública chegará en breve ao vertido técnico cero, esixencia do Parlamento Europeo para todos os Estados membros en 2035.
Javier Domínguez lembrou que a filosofía empresarial de Sogama pasa por aplicar, de forma prioritaria, a estratexia europea dos tres erres (Redución, Reutilización e Reciclaxe) ás que engade a recuperación enerxética daquela fracción de residuos que non se pode reutilizar nin reciclar. De feito, a electricidade xerada en Sogama equivale ao consumo de aproximadamente o 12% dos fogares galegos.
Así mesmo, indicou que outra achega que esta entidade fixo á sustentabilidade foi priorizar o transporte dos residuos por tren. “Se en 2016 movíase por ferrocarril o 25% dos refugallos, hoxe xa estamos no 55%, dando preferencia a un medio máis respectuoso co medio ambiente, con menor sinistralidade e menores molestias cidadás”, explicou.
De forma paralela, destacou a tarefa de educación e formación ambiental orientada aos distintos sectores sociais. “Vai no noso ADN e prestamos especial atención aos pequenos da casa porque está constatado que son os auténticos embaixadores e prescritores das boas prácticas ambientais”.
GALICIA ESTÁ CONCIENCIADA CO CONSUMO RESPONSABLE
Á pregunta de se é Galicia unha comunidade concienciada coa produción e o consumo responsable, Domínguez manifestou que “si o é, pero podemos mellorar”, engadindo que “quizais nos falte un pouco máis de planificación e recuperar certos valores, como é o propio da comida, tentar producir menos residuos e alongar a vida útil dos produtos a través da reutilización”.
Abundou en que Sogama apela constantemente á prevención e ao consumo responsable, e isto, ao seu xuízo, implica planificación, é dicir, revisar primeiro a despensa e frigorífico para definir o que realmente necesitamos, facer unha lista da compra e cinguirnos á mesma, dar preferencia aos artigos a granel, fuxindo de envases e embalaxes innecesarios, diferenciar claramente entre data de caducidade e data de consumo preferente (a primeira indica o momento para partir do cal un alimento pode representar unha ameaza para a saúde e a segunda o momento no que un alimento pode perder cualidades -sabor, textura, aspecto, …-, pero sen ser un risco para a saúde), axustar as racións ao número de comensais, servir as racións que realmente imos comer, aproveitar sóbralas para a elaboración de novos menús, e, algo moi importante, que é consumir alimentos feos, que teñen as mesmas propiedades nutritivas que aqueles que cumpren cos canons estéticos predefinidos.
Tamén insistiu na necesidade de dar prioridade aos produtos locais e de tempada, xa que así, ademais de incentivar a economía local, contribuímos a diminuír as emisións de CO2 derivadas do transporte.
Considera o presidente de Sogama que a prevención e a reutilización constitúen os piares do consumo responsable, e ambos deben ter continuidade coa reciclaxe, que require separar en orixe os residuos e depositalos nos contedores correspondentes para garantir que se convertan en novas materias primas e regresen ao circuíto comercial cunha nova vida.
Saúdos, Departamento de Comunicación