- A través de sete bloques temáticos, nutridos con gráficos e ilustracións inéditas, abórdanse cuestións de gran interese tales como a problemática representada pola elevada xeración de residuos, marco normativo de referencia, características e beneficios da compostaxe, e aplicacións do abono resultante.
- Aínda que orientado fundamentalmente a técnicos e cargos políticos municipais, centros educativos de Secundaria e de Formación Profesional, Universidades e profesionais vinculados ao sector dos residuos, así como ao propio sector agrícola e de xardinaría, resulta asequible para calquera cidadán interesado nesta cuestión
- Integrado no programa INTERREG V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020, o principal obxectivo do proxecto Res2ValHum é poñer en valor a materia orgánica.
- Participan no mesmo un total de 7 socios (4 portugueses e 3 galegos). Por parte de Portugal, a Universidade do Minho, que actúa como líder desta iniciativa, CVR, LIPOR e BRAVAL. E, por parte de Galicia, SOGAMA, USC e CVAN.
Cerceda, a 29 de marzo de 2019.- Sogama, en calidade de socio do proxecto europeo de cooperación transfronteiriza Res2ValHum, editou un manual de compostaxe a través do cal pretende divulgar este concepto entre a cidadanía, dando a coñecer igualmente as súas bondades.
A través de sete bloques temáticos ilustrados con gráficos e imaxes inéditas e orixinais, a publicación ábrese cunha análise da problemática que, a día de hoxe, representa a elevada xeración de residuos nas sociedades modernas, aludindo igualmente ao marco normativo de referencia (europeo, estatal e autonómico) e pasando a abordar as características da fracción orgánica e o seu tratamento a través da compostaxe industrial e doméstica.
As aplicacións do compost e os seus beneficios culminan a secuencia de contidos, incidindo na importancia de poñer en valor a materia orgánica a fin de evitar o seu vertido e aproveitar as potencialidades que ofrece máis aló das súa función como fertilizante de solos, podendo contar cun interesante potencial no ámbito da cosmética e accións terapéuticas diversas.
EXEMPLO DE ECONOMÍA CIRCULAR
Destácase igualmente o extraordinario papel que desempeña a compostaxe na economía circular, toda vez que, a través do mesmo, conséguese transformar un residuo nun recurso con interesantes vantaxes no ámbito medioambiental, xa que aporta nutrientes ao solo, mellora as súas propiedades físicas, químicas e biolóxicas, á vez que o protexe fronte á erosión, optimiza a súa textura, estrutura e capacidade de retención de auga, e aumenta o seu efecto sumidoiro de carbono.
No caso de que a reciclaxe da materia orgánica teña lugar na súa versión doméstica, viable en vivendas unifamiliares que conten con terreo no que utilizar o abono resultante, posibilítase que os veciños depositen menos residuos nos contedores convencionais e que, polo tanto, os servizos municipais diminúan a frecuencia de recollida e transporte, coa conseguinte redución das emisións de CO2 á atmosfera.
Desde a dimensión económica e social, destácase a recuperación dunha práctica tradicional en Galicia que ata pode axudar aos concellos a diminuír custos, xa que, ao reciclar os residuos orgánicos nos propios fogares, os entes locais entregarán menos lixo nas plantas de tratamento e, polo tanto, pagarán menos pola súa xestión.
O manual oriéntase fundamentalmente a técnicos e cargos políticos municipais, centros educativos de Secundaria e de Formación Profesional, Universidades e profesionais vinculados ao sector dos residuos, así como ao propio sector agrícola e de xardinaría, ademais dos cidadáns que practicen a autocompostaxe e público en xeral.
SOBRE RES2VALHUM
Integrado no programa INTERREG V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020, o principal obxectivo do proxecto Res2ValHum (Valorización de residuos orgánicos: produción de sustancias húmicas) é poñer en valor a materia orgánica.
Participan no mesmo un total de 7 socios (4 portugueses e 3 galegos). Por parte de Portugal, a Universidade do Minho, que asume o seu liderado, sendo o principal beneficiario, o CVR (Centro de Valorización de Residuos), LIPOR (Servizo Intermunicipalizado de Xestión de Residuos de Grande Porto) e BRAVAL (Valorización e Tratamento de Residuos Sólidos, S.A). E, por parte de Galicia, SOGAMA (Sociedade Galega do Medio Ambiente), USC (Universidade de Santiago de Compostela) e CVAN (Centro de Valorización Ambiental do Norte, S.L)
Dotado cun orzamento superior aos 2 millóns de euros, estará en vigor ata finais do ano en curso.
http://www.sogama.gal/sites/default/files/Manual%20Compostaxe%20Sogama-B-OK-web.pdf
Saúdos, Departamento de Comunicación