-
A empresa pública entregou ao ente local 25 novos composteiros que, sumados a outras subministracións anteriores, fan un total de 175 os recipientes que xa están a operar na localidade
Cerceda, a 23 de abril de 2024.- Técnicos de Sogama desprazáronse recentemente ao municipio pontevedrés de Covelo para impartir unha nova formación en materia de compostaxe doméstica e mostrar aos veciños os pormenores do proceso de elaboración de compost nas súas propias vivendas.
O encontro foi aproveitado para repartir entre os asistentes (preto de 40) unha nova partida de 25 composteiros achegados por esta empresa pública que, sumados a outras subministracións anteriores, fan un total de 175 os recipientes que xa están a operar noutros tantos fogares, facilitando que a autoxestión da materia orgánica resulte máis cómoda, hixiénica e eficiente para os usuarios.
O obxectivo do Concello é que a operativa se leve a cabo desde o máximo coñecemento e con absolutas garantías, e é por isto que veu solicitando periodicamente a colaboración de Sogama para que os seus técnicos impartan sesións informativas e formativas, nas que, non só se explique a dinámica a seguir, senón que tamén se resolvan as dúbidas trasladadas polos cidadáns.
Os veciños aos que se outorgou composteiro habitan en vivendas unifamiliares que dispoñen de terreo (horta, xardín ou terras de cultivo) no que aplicar o compost resultante, pechando desta forma o ciclo de aproveitamento e valorización da materia orgánica xerada nos fogares e que vén a representar da orde do 37-40% da composición media dunha bolsa de lixo tipo.
No transcurso da xornada, detallouse a dinámica a desenvolver: desde a montaxe do composteiro ata a súa colocación no exterior da vivenda, xa que debe estar en contacto directo coa terra para facilitar a entrada de microorganismos descomponedores, así como a relación de materiais que, polas súas características, poden e non poden ser depositados no mesmo, e o control de parámetros tales como o osíxeno, a temperatura e a humidade.
Os veciños mostráronse enormemente interesados no curso e expuxeron múltiples preguntas, tanto sobre a tipoloxía dos residuos a depositar no composteiro como sobre os factores que inflúen na calidade do produto final. A todos eles entregáronselles manuais de compostaxe a fin de que dispoñan nas súas casas dunha guía na que, ademais de explicar a operativa, dáse resposta ás preguntas máis frecuentes e aos erros máis comúns.
Saúdos, Departamento de Comunicación