- Desta forma suman 238 os recipientes subministrados pola empresa durante os últimos anos.
- A Sociedade pública tamén fixo chegar ao ente local unha tirada de manuais para que os usuarios dispoñan da información básica que lles permita formar parte deste proxecto con garantías.
- Importantes beneficios ambientais, económicos e sociais apoian este programa.
Cerceda, a 21 de xaneiro de 2019.- A solicitude do concello, Sogama entregou a O Rosal (Pontevedra) unha nova partida de 40 composteiros, con capacidade para 350 litros e fabricados con materiais reciclados e reciclables.
Tendo en conta os 198 recipientes subministrados en anos anteriores por esta Sociedade pública, en breve un total de 238 familias deste municipio pontevedrés llevarán a cabo prácticas de autocompostaxe baixo a colaboración de Sogama. Condición indispensable para que poidan participar na iniciativa é que habiten en vivendas unifamiliares que conten con terreo (horta ou xardín) no que aplicar o compost resultante.
GARANTÍAS, SEGUIMENTO E VANTAXES
A empresa tamén remitiu ao ente local unha tirada de manuais para que os usuarios dispoñan da información básica que lles permita formar parte deste proxecto con garantías: desde a propia ubicación do composteiro ata a relación de desperdicios que deben e non deben ser depositados no mesmo, dando resposta ás dúbidas e erros máis frecuentes.
O seguimento da operativa levarao a cabo “casa por casa” o propio concello a través de técnicos da área de medio ambiente, que se encargarán de velar polo correcto desenvolvemento do programa; un programa co que o ente local logrará importantes beneficios, xa que o que a reciclaxe da materia orgánica en orixe abre a porta á posibilidade de reducir a frecuencia de recollida e transporte do lixo convencional a través do contedor verde xenérico, contribuíndo á diminución das emisións de CO2; tamén a minorar o importe da factura a pagar a Sogama; e, por suposto , a asentar a recuperación dunha práctica que forma parte da tradición do medio rural como é a segregación da materia orgánica para alimento do gando e/ou elaboración de compost.
Ademais, ao recuperar esta fracción na propia vivenda, devolvéndoa ao solo en forma de abono, resulta factible que diminúan os desprazamentos aos contedores de recollida selectiva por parte dos cidadáns, toda vez que materiais como o papel/cartón e os envases poden acumularse varios días nas casas sen risco de cheiros.
De forma adicional, os usuarios teñen a disposición unha páxina web www.compostaconsogama.gal, na que poderán atopar información complementaria e diversos recursos didácticos.
Saúdos, Departamento de Comunicación