- O galardón, conformado por un diploma e unha dotación económica de 1.300 euros, recoñece o traballo realizado polos escolares de primaria a través do cartel bautizado co título “Planeta só temos un, usa ou sentido común”
- Non é a primeira vez que o centro de Xove gaña este certame. No curso académico 2021-2022 xa se proclamou campión
- Este concurso enmárcase no programa educativo “Recíclate con Sogama”, canalizado a través do Plan Proxecta da Xunta de Galicia, sendo o seu obxectivo instaurar a reciclaxe nas aulas
Cerceda, a 22 de xuño de 2023.- Sogama entregou o primeiro premio do concurso de carteis promocionais da reciclaxe ao CEIP Pedro Caselles Rollán de Xove (Lugo) polo seu traballo “Planeta só temos un, usa ou sentido común”. Con este galardón, conformado por un diploma e unha dotación económica de 1.300 euros que o centro debe destinar a material didáctico e/ou accións educativas, preténdese recoñecer o extraordinario labor deste colexio na protección do medio ambiente a través da xestión sostible dos residuos urbanos.
Co seu cartel, os escolares querían transmitir unha mensaxe crave e é que a humanidade dispón de moi pouco tempo para cambiar moitas cousas, sendo a reciclaxe unha ferramenta esencial na loita contra o cambio climático. Por isto, aseguran que “Reciclar non é nada duro e aseguramos o futuro. Por un mundo mellor, recicla, por favor”.
Non é a primeira vez que o colexio de Xove acada o título de campión deste certame. Xa o foi no curso académico 2021-2022.
O xurado, conformado por membros da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, e de Sogama, valoraron, entre outras cuestións, a calidade dos carteis presentados, a creatividade e a orixinalidade dos mesmos, a mensaxe ambiental transmitida co obxectivo de lograr un impacto positivo na concienciación social da poboación e a claridade da redacción do texto explicativo para facilitar a súa comprensión.
Un decenio promovendo a reciclaxe nas aulas
Recíclate con Sogama é un programa educativo canalizado a través do Plan Proxecta da Xunta de Galicia, en vigor desde hai unha década, cuxa pretensión é instaurar a recollida selectiva de residuos nas aulas e formar ao alumnado no principio dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe).
Con tal fin, Sogama proporciona a cada un dos centros escolares participantes en cada edición (este curso académico son 20 colexios das catro provincias) unha illa de reciclaxe conformada por tres contedores (azul, para o papel e cartón; amarelo, para os envases de plástico, latas e briks; e xenérico, para a fracción resto), ademais dun composteiro para aqueles que dispoñan de servizo de comedor ou que xeren unha cantidade importante de orgánicos procedentes das merendas do alumnado, así como de terreo (horta ou xardín) para a aplicación do compost resultante.
Igualmente, a compañía entrega a cada colexio material didáctico de apoio e imparte formación a través de educadores especializados, os cales se encargan tamén de realizar visitas de seguimento para comprobar a evolución dos proxectos de reciclaxe, resolver dúbidas e corrixir erros.
A final de curso, os centros deben presentar unha memoria de actividades a través da aplicación informática do Plan Proxecta, que será avaliada e cualificada por Sogama e a propia Consellería de Educación.
Saúdos, Departamento de Comunicación