- O traballo deste centro, denominado “Ecolaxeiro”, representa a figura dun paxaro confeccionado cun conxunto de plumas elaboradas por parte do alumnado con material reciclado
- Este certame enmárcase no programa educativo “Recíclate con Sogama” 2022-2023, no que participan 20 centros escolares de toda Galicia
Cerceda, a 12 de xuño de 2023.- O 2º premio do concurso de carteis promocionais da reciclaxe, dotado con 1.000 euros e enmarcado no programa “Recíclate con Sogama” 2022-2023, foise para Vigo, concretamente para o CEIP Pintor Laxeiro polo seu cartel “Ecolaxeiro”, que representa a figura dun paxaro confeccionado cun conxunto de plumas elaboradas polo alumnado con material reciclado.
O mural simboliza a liberdade dun paxaro que habita nun mundo ideal no que os Ecolaxeiros aplican cada día o principio europeo dos tres erres (reducir, reutilizar e reciclar), tanto na escola, como na súa casa e tempo de lecer, para conseguir entre todos “un planeta cheo de vida que permita voar moi alto”.
Sobre Recíclate con Sogama
Trátase dun programa educativo canalizado a través do Plan Proxecta da Xunta de Galicia desde hai 10 anos, e cuxo obxectivo é instaurar a recollida selectiva de residuos nas aulas e formar ao alumnado no principio dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe).
Con tal fin, Sogama proporciona a cada un dos centros escolares participantes (este curso académico son 20 colexios das catro provincias) unha illa de reciclaxe conformada por tres contedores (azul, para o papel e cartón; amarelo, para os envases de plástico, latas e briks; e xenérico, para a fracción resto), ademais dun composteiro para aqueles que dispoñan de servizo de comedor ou que xeren unha cantidade importante de orgánicos procedentes das merendas do alumnado, así como de terreo (horta ou xardín) no que aplicar o compost resultante.
Igualmente, a compañía entrega a cada colexio material didáctico de apoio e imparte formación a través de educadores especializados, os cales se encargan tamén de realizar visitas de seguimento para comprobar a evolución dos proxectos de reciclaxe, resolver dúbidas e corrixir erros.
A final de curso, os centros deben presentar unha memoria de actividades mediante a aplicación informática do Plan Proxecta, que será avaliada e cualificada por Sogama e a propia Consellería de Educación.
Saúdos, Departamento de Comunicación