- O ente local decidiu estender o programa de compostaxe doméstica a outras 25 vivendas, facendo un total de 100 os fogares que participan nesta iniciativa.
- Os composteiros, de 390 litros de capacidade, están fabricados con materiais reciclados e reciclables.
- Ademais de proporcionar aos participantes manuais didácticos de apoio, técnicos de Sogama impartirán mañá, 4 de decembro, un curso de formación presencial para afianzar coñecementos e resolver dúbidas. Terá lugar ás 18:30 horas, no Edificio Multiusos.
Cerceda, a 3 de decembro de 2020.- O Concello de Covelo (Pontevedra), coa colaboración de Sogama, amplía o seu programa de compostaxe doméstica co obxectivo de que cada vez sexan máis as familias que reciclen a materia orgánica en orixe, unha práctica tradicional con importantes vantaxes ambientais, económicas e sociais.
A petición do ente local, a empresa pública subministrou 25 novos composteiros, de 390 litros de capacidade e fabricados con materiais reciclados e reciclables, que, sumados a outras entregas anteriores, fan un total de 100 os fogares que participan nesta iniciativa. Estes recipientes posibilitan que o proceso de fermentación dos restos orgánicos se desenvolva dunha forma máis cómoda e hixiénica.
Así mesmo, a compañía dotará aos participantes con manuais didácticos de apoio nos que se describe a operativa e pasos a seguir, detallando o que debe e non debe depositarse no composteiro e incidindo na necesidade de controlar parámetros que resultan esenciais para a obtención dun abono de alta calidade: temperatura, osíxeno e humidade.
O fin último é que o compost resultante cumpra con todos os requisitos técnicos esixidos pola normativa vixente para que poida ser aplicado ao solo con absolutas garantías e sen restricións.
Para profundar nestas cuestións e resolver as dúbidas dos usuarios, técnicos de Sogama desprazaranse mañá, 4 de decembro, a Covelo para impartir un curso de formación presencial que terá lugar, ás 18:30 horas, no Edificio Multiusos.
Así mesmo, os interesados teñen á súa disposición un sitio web www.compostaconsogama.gal no que poderán complementar e enriquecer os seus coñecementos con distintos recursos divulgativos.
Saúdos, Departamento de Comunicación