- Con esta dotación, pretende reforzar o comportamento ecolóxico e as boas prácticas entre os usuarios, á vez que promove o traballo en equipo e a interiorización de valores con gran relevancia para a convivencia e a integración social.
- A empresa pública tamén está a colaborar co Concello de Fene na promoción da compostaxe doméstica, tanto a través de medios materiais (tendo entregado ata o de agora 60 composteiros) como a través de medios didácticos e divulgativos.
Cerceda, a 9 de febreiro de 2022.- No seu firme compromiso coa sustentabilidade ambiental, económica e social, Sogama entregou ao centro ocupacional ASPANEPS de Fene (A Coruña), catro novos composteiros (con capacidade para 400 litros e elaborados con materiais reciclados e reciclables) para que os seus integrantes poidan elaborar compost a partir da materia orgánica xerada nas dependencias desta organización e utilizalo posteriormente na súa horta e xardíns.
Con esta iniciativa, preténdese inculcar o comportamento ecolóxico e as boas prácticas entre os usuarios, á vez que se promove o traballo en equipo e a interiorización de valores tan importantes para a convivencia e a integración social como son a cooperación, a solidariedade, a comprensión, a empatía e a tolerancia, entre outros moitos.
O medio ambiente pode ser un excelente vehículo canalizador para promover a autonomía, a formación, a socialización e o desenvolvemento cognitivo, servindo de reforzo para outros programas instaurados no centro como é o caso da encadernación artesanal ou a serigrafía.
Con estes novos composteiros, sumados a outros elaborados polo centro a partir de palés, estes terán a oportunidade de visualizar os residuos como recursos. Neste caso, a materia orgánica regresa á terra como fertilizante natural a aplicar na agricultura e a xardinería.
Pola súa banda, Sogama tamén está a colaborar co Concello de Fene na promoción da compostaxe doméstica, tanto a través da dotación de medios materiais (tendo entregado ata o de agora 60 composteiros) como a través de medios didácticos e divulgativos (manuais de autocompostaxe e cursos de formación presencial destinados aos veciños participantes).
SOBRE ASPANEPS
ASPANEPS é un servizo de atención psico-social á infancia, á familia e a persoas con discapacidade intelectual. Traballa en áreas tales como a saúde mental infanto-xuvenil (psicoterapia individual, grupal e familiar); atención socioeducativa (reeducación, logopedia); asesoramento, orientación familiar, integración funcional e autonomía, entre outras.
Saúdos, Departamento de Comunicación