- O ente supramunicipal quere avanzar na valorización da materia orgánica nos propios fogares a través da súa transformación en compost, alcanzando con isto importantes beneficios ambientais, económicos e sociais
- Os composteiros que achegará Sogama, con capacidade para 390 litros e fabricados con materiais reciclados e reciclables, posibilitarán que o proceso de autocompostaxe nas vivendas sexa máis hixiénico, cómodo e eficiente
- A empresa pública tamén apoiará á Mancomunidade a nivel formativo mediante a subministración de manuais didácticos para entregar ás familias participantes, ofrecéndose igualmente a impartir cursos presenciais
Cerceda, a 12 de xullo de 2022.- No marco da colaboración que Sogama e a Mancomunidade do Morrazo manteñen desde hai anos para avanzar na correcta xestión e tratamento dos residuos urbanos, e tendo en conta que o ente supramunicipal quere adentrarse de cheo na valorización da materia orgánica mediante a súa transformación en compost, a empresa pública entregará á Mancomunidade un total de 300 composteiros, con capacidade para 390 litros e fabricados con materiais reciclados e reciclables, así como igual número de cubos domiciliarios para facilitar a selección dos refugallos orgánicos nos fogares.
O obxectivo último desta iniciativa é que as familias participantes poidan reciclar in situ esta fracción e obter a partir da mesma un abono natural de alta calidade que regresa ao solo en forma de fertilizante, achegándolle nutrientes e mesmo protexéndoo fronte a pragas e enfermidades.
A compostaxe doméstica eríxese así nun dos mellores exemplos de economía circular, toda vez que o residuo convértese en recurso para propiciar unha nova vida.
Para isto faise necesario que as vivendas que voluntariamente se adscriban a este programa, sexan unifamiliares e que dispoñan de terreo (horta, xardín e/o terras de cultivo) no que aplicar o compost resultante.
BENEFICIOS
Con esta práctica, os concellos que integran a Mancomunidade do Morrazo alcanzarán importantes beneficios ambientais, económicos e sociais.
Desde a dimensión ambiental porque, tendo en conta que a materia orgánica representa en torno ao 42% da composición media dunha bolsa de lixo tipo, se se recupera en orixe, evítase o seu depósito nos contedores convencionais, circunstancia que podería permitir unha redución da frecuencia de recollida e transporte da bolsa negra e, por tanto, unha redución das emisións de CO2 á atmosfera.
Desde o plano económico, porque ao entregar menos residuos a Sogama para o seu posterior tratamento, diminúe o importe da factura que a Mancomunidade debe pagar á empresa pública.
E, desde a perspectiva social, porque se retoma unha práctica tradicional no rural galego como é a segregación dos restos orgánicos para alimento do gando e/o a elaboración de compost.
Os composteiros achegados por Sogama propiciarán que o proceso sexa máis hixiénico, cómodo e eficiente para os usuarios. Pola súa banda, os cubos marróns, con capacidade para 10 litros, facilitarán o traslado da materia orgánica ao composteiro, que en todo caso debe colocarse no exterior da vivenda, nunha zona protexida das inclemencias meteorolóxicas e en contacto directo coa terra para facilitar a entrada dos microorganismos descompoñedores.
FORMACIÓN DOS USUARIOS
A nivel formativo, a Sociedade Galega do Medio Ambiente subministrou á Mancomunidade manuais didácticos de apoio para que se repartan entre as familias participantes e que lles sirvan de guía para o desenvolvemento das distintas fases do proceso de autocompostaxe: desde a propia localización do compostador ata a relación de materiais que deben e non deben depositarse no mesmo, así como o control de parámetros de gran relevancia tales como o osíxeno, a temperatura e a humidade.
Así mesmo, a compañía ofrécese a impartir cursos de formación presenciais para que os usuarios teñan a oportunidade de complementar os seus coñecementos, despexar dúbidas e mesmo intercambiar experiencias.
Adicionalmente, ponse ao dispor dos interesados un sitio web www.compostaconsogama.gal no que se explica de forma detallada a dinámica de traballo e o protocolo a seguir, e todo isto reforzado con diferentes recursos divulgativos.
Na actualidade, un total de 431 entidades de distintos puntos de Galicia (222 concellos, 180 centros educativos e 29 colectivos sociais) están adscritas ao programa de compostaxe doméstica liderado por Sogama, tendo distribuído entre as mesmas, e de forma gratuíta, máis de 19.000 composteiros.
Saúdos, Departamento de Comunicación