- Desta forma serán preto de 200 os recipientes destas características que a empresa pública subministrou ao ente local para que cada vez sexan máis as familias que leven a cabo prácticas de autocompostaxe.
- Con esta iniciativa, os participantes teñen a oportunidade de reciclar a materia orgánica na propia vivenda e elaborar o seu propio compost a partir da mesma, un proceso con grandes beneficios.
Cerceda, a 21 de maio de 2020.- O concello pontevedrés de Pazos de Borbén decidiu retomar o seu programa de compostaxe doméstica e amplialo a novas familias para que cada vez sexan máis os veciños que participen nesta iniciativa, con destacados beneficios ambientais, económicos e sociais.
A solicitude do ente local, en próximas datas Sogama entregará no municipio 25 composteiros, de 390 litros de capacidade e fabricados con materiais reciclados e reciclables ao final da súa vida útil, para que poidan ser distribuídos entre outras tantas familias que reúnan as condicións, é dicir, que habiten en vivendas unifamiliares e que estas dispoñan de terreo (horta, xardín ou terras de cultivo) no que aplicar o compost resultante e pechar así o círculo de aproveitamento da materia orgánica in situ.
Con esta nova entrega, e sumadas a outras anteriores, serán preto de 200 os fogares de Pazos de Borbén que participan activamente neste programa, co que conseguen diminuír a cantidade de residuos depositados no contedor verde convencional, gañar en comodidade e evitar os continuos desprazamentos aos contedores, xa que os restos orgánicos xestiónanse e trátanse na propia vivenda. A partir dos mesmos obteñen un compost de alta calidade e rico en nutrientes que ata protexe o solo fronte a pragas e outras enfermidades.
Se ben Sogama proporciona de forma gratuita os medios materiais, persoal do concello será o encargado de realizar un seguimento do proxecto a fin de comprobar se este cumpre as expectativas e avaliar a implicación e colaboración da veciñanza.
Os interesados poden ampliar os seus coñecementos neste ámbito a través da web www.compostaconsogama.gal, na que tamén atoparán recursos divulgativos e lúdicos.
A día de hoxe, Sogama distribuíu de forma gratuita preto de 13.500 composteiros entre concellos, centros educativos e colectivos sociais de distintos puntos de Galicia.
Saúdos, Departamento de Comunicación