- Os recipientes, de 400 litros de capacidade, están fabricados con materiais reciclados e reciclables.
- A empresa pública proporcionou igualmente a ambos concellos manuais didácticos de apoio destinados ás novas familias participantes.
- O seguimento da iniciativa corresponde aos entes locais.
Cerceda, a 29 de abril de 2019.- A solicitude dos concellos de Carballo (A Coruña) e Pantón (Lugo), Sogama subministrou 25 novos composteiros (de 400 litros de capacidade e fabricados con materiais reciclados e reciclables) a cada unha destas localidades para que poidan ampliar os seus programas de compostaxe doméstica.
Desta forma, serán outras 50 vivendas unifamiliares destes dous municipios as que participarán activamente nesta iniciativa co obxectivo de poñer en valor a materia orgánica mediante a súa conversión en compost, un abono natural con excelentes propiedades para o solo pola súa achega de nutrientes e a súa capacidade de preservalo de pragas e enfermidades.
Así mesmo, a empresa pública proporcionoulles manuais didácticos destinados aos usuarios e nos que se explica a técnica a levar a cabo, onde colocar o composteiro, que materiais deben e non deben ser depositados no mesmo, como controlar parámetros de gran importancia tales como o osíxeno, a temperatura e a humidade, e como actuar ante posibles incidencias.
Se ben Sogama encárgase de subministrar os medios para levar a cabo esta iniciativa con garantías, son os propios concellos, a través do seu persoal, os que deben encargarse de facer o correspondente seguimento para resolver as dúbidas presentadas polos participantes e corrixir posibles erros.
Resulta crucial que os fogares adscritos a esta experiencia conten con terreo (horta ou xardín) no que aplicar o compost resultante, pechando así o círculo da súa recuperación e aproveitamento en forma de abono.
AVAIS
O programa de compostaxe doméstica de Sogama foi cualificado como altamente satisfactorio por parte dos concellos adheridos ao mesmo (máis de 180 das catro provincias galegas), coa particularidade de que pode reportarlles importantes beneficios, tanto ambientais como económicos e sociais.
Ao reciclar a materia orgánica nas propias vivendas, que supón en torno ao 42% da composición media dunha bolsa de lixo tipo, evítase o seu depósito nos contedores verdes convencionais, propiciando así unha diminución da frecuencia de recollida e transporte do lixo por parte dos servizos municipais e, polo tanto, das emisións de CO2.
Tamén se recupera unha tradición no rural galego como é a separación dos restos orgánicos para alimento do gando ou elaboración de compost.
Igualmente, e ao reciclar a materia orgánica en orixe, diminúen os desprazamentos que os cidadáns deben realizar aos contedores de recollida selectiva restantes, xa que materiais como o papel/cartón e os envases poden almacenarse varios días en casa sen risco de cheiros.
Os usuarios teñen a oportunidade de complementar os seus coñecementos a través do sitio web www.compostaconsogama.gal, onde se pon á súa disposición información, vídeos, xogos e outros recursos cos que reforzar a súa bagaxe neste ámbito.
Saúdos, Departamento de Comunicación