- O Concello quere recuperar unha práctica tradicional no rural galego, como é a segregación dos restos orgánicos para alimento do gando e/ou elaboración de compost, pero dunha forma moderna, eficiente, hixiénica e cómoda
- A autocompostaxe trae consigo importantes beneficios, xa que preto do 40% do lixo doméstico queda no domicilio para ser compostado, evitando o seu depósito no contedor da rúa e, polo tanto, minimizando a pegada de carbono e o custo económico da súa xestión
Cerceda, a 19 de maio de 2023.- A Sociedade Galega do Medio Ambiente remitirá ao Concello pontevedrés de Pazos de Borbén, previa solicitude deste, unha nova partida de 25 composteiros, con capacidade para 400 litros e fabricados con materiais reciclados e reciclables.
Con esta dotación, sumada a outras anteriores realizadas pola empresa pública, o programa de autocompostaxe promovido polo ente local dará cobertura a un total de 350 vivendas que contan con terreo (horta, xardín ou terras de cultivo) no que aplican o compost resultante, un abono natural de alta calidade que, ademais de achegar nutrientes ao solo, protéxeo fronte a pragas e enfermidades.
O Concello pretende recuperar unha práctica tradicional no rural galego, como é a segregación dos restos orgánicos para alimento do gando e/ou elaboración de compost, pero dunha forma moderna, eficiente, hixiénica e cómoda posibilitada polo composteiro.
Para que os usuarios poidan coñecer con máis detalle a técnica a desenvolver, Sogama enviará tamén ao Concello manuais didácticos de apoio nos que se describen os pasos a seguir para que os participantes poidan obter un compost que cumpra con todos os requisitos recollidos na normativa vixente e sexa aplicado ao solo coas máximas garantías e sen restricións.
Nestes manuais relátase a dinámica a seguir: desde a propia elección do lugar no que se localizará o composteiro, que debe estar próximo á vivenda, nunha zona protexida das inclemencias meteorolóxicas, baixo unha árbore (preferentemente de folla caduca) e en contacto directo coa terra para facilitar a entrada dos microorganismos descompoñedores, ata a relación de materiais que deben -e non deben- introducirse no recipiente, así como o control que os usuarios deben facer de parámetros tales como o osíxeno, a temperatura e a humidade.
Así mesmo, nestas guías dáse resposta ás preguntas e dúbidas máis frecuentes, e chámase a atención sobre os erros máis comúns a fin de que sexan evitados pola veciñanza.
100% Ecolóxico
A autocompostaxe trae consigo importantes beneficios, xa que preto do 40% do lixo doméstico queda no domicilio para ser compostado, evitando o seu depósito no contedor da rúa e, polo tanto, minimizando a pegada de carbono e o custo económico da súa xestión.
Igualmente, está comprobado que, levando a cabo unha correcta selección dos restos orgánicos en orixe, mellora a segregación do resto das fraccións de residuos, coa particularidade de que as familias poderán prescindir de comprar fertilizantes artificiais ao usar o seu propio abono, 100% ecolóxico.
Saúdos, Departamento de Comunicación