- Con esta nova partida, son un total de 352 os recipientes subministrados ao ente local por parte desta empresa pública
Cerceda, a 18 de marzo de 2024.- Sogama entregou ao municipio pontevedrés de Tui unha nova partida de 50 composteiros que, sumadas a outras anteriores, fan un total de 352 os recipientes achegados ao Concello por esta entidade pública.
O obxectivo é que o ente local poida seguir expandindo a compostaxe doméstica a novas vivendas e, desta forma, propiciar que cada vez sexan máis as familias que autoxestionen a súa materia orgánica, contribuíndo con is5o a acadar importantes beneficios ambientais, económicos e sociais.
Ademais, e tendo en conta que a materia orgánica representa ao redor do 37-40% da composición media dunha bolsa de lixo tipo, se esta porcentaxe se recupera en orixe e se valoriza para convertela en compost, evítase o seu depósito no contedor da rúa, co conseguinte aforro de custos, tanto no transporte como no tratamento.
A través dun microsite https://www.sogama.gal/compostaxe/gl/ , Sogama pon ao dispor dos interesados toda a información relativa a este programa, especificando a dinámica a seguir desde o mesmo momento en que o participante instala o composteiro no seu domicilio, debendo situalo no exterior da vivenda, concretamente nunha zona sombreada e protexida das inclemencias meteorolóxicas, e en contacto directo coa terra para facilitar a entrada dos microorganismos descompoñedores.
Tamén se especifica que materiais se deben, e non se deben, depositar neste recipiente, e a importancia de controlar a humidade, o osíxeno e a temperatura da mestura para garantir que o compost resultante cumpra con todos os requisitos de calidade establecidos na lexislación vixente e, polo tanto, se pode aplicar con absolutas garantías e sen restricións na agricultura.
Se ben a autocompostaxe constitúe unha práctica tradicional no medio rural, xa que, desde sempre, segregáronse os restos orgánicos para alimento do gando e/ou elaboración de abono, o composteiro constitúe unha gran axuda para que o proceso se leve a cabo de forma máis cómoda, hixiénica e eficiente.
Saúdos, Departamento de Comunicación