- Xunto cos recipientes, Sogama tamén remitiu ao colectivo manuais didácticos de apoio nos que se detalla o procedemento a seguir para que os participantes poidan obter un compost de alta calidade
Cerceda, a 24 de xaneiro de 2024.- Sogama subministrou á Asociación de Veciños de Cinxe, no municipio de Ribadeo (Lugo), unha nova partida de 30 composteiros que, sumada a outra anterior, fan un total de 60 as vivendas desta parroquia que autoxestionan a súa materia orgánica a través dun recipiente destas características, posibilitando que o proceso sexa máis cómodo, hixiénico e eficiente.
Ademais dos composteiros, a empresa remitiu a este colectivo manuais de compostaxe doméstica para que os participantes conten cun recurso didáctico de apoio no que se detalla o proceso a seguir, a relación de materiais que deben, e non deben, introducirse no mesmo, e o control de parámetros de gran relevancia tales como o osíxeno, a temperatura e a humidade.
A pretensión última é que os usuarios obteñan un compost de alta calidade que poidan aplicar nos seus xardíns e hortas sen restricións e con absolutas garantías, toda vez que se trata dun abono que, ademais de achegar nutrientes ao solo, protéxeo fronte a pragas e enfermidades.
No manual tamén se dá resposta ás preguntas máis frecuentes e aos erros máis comúns, estando Sogama ao dispor da asociación para prestar asesoramento e resolver cantas cuestións sexan necesarias para que a experiencia sexa exitosa.
Adicionalmente, cabe lembrar que, cunha boa selección da materia orgánica en orixe e a súa conversión en compost, minimízase a cantidade de residuos a depositar no contedor xenérico, propiciando desta forma unha diminución de custos, tanto a nivel de recollida como de tratamento.
Saúdos, Departamento de Comunicación