- Con esta partida, xa son 175 os recipientes destas características subministrados pola empresa pública ao ente local
- O obxectivo é que cada vez sexan máis as vivendas unifamiliares con terreo que participen nesta iniciativa, con importantes beneficios ambientais e económicos
- Na provincia de Pontevedra, son preto de 50 os concellos adscritos a esta iniciativa, ademais de 72 centros educativos e 8 colectivos sociais, tendo distribuído Sogama entre os mesmos 8.255 composteiros
Cerceda, a 18 de decembro de 2024.- Sogama remitiu ao Concello de Vilagarcía de Arousa, a solicitude deste, unha nova partida de 75 composteiros para que sexan distribuídos entre outros tantos fogares, contribuíndo desta forma a que cada vez sexan máis as vivendas unifamiliares con terreo que dispoñan de medios para autoxestionar a súa materia orgánica, unha práctica tradicional no ámbito rural con interesantes beneficios ambientais e económicos ao verse reducidas as cantidades de refugallos depositados no contedor xenérico para o seu posterior tratamento en planta, co conseguinte aforro de custos.
Trala adhesión de Vilagarcía ao programa de compostaxe doméstica de Sogama, os composteiros entregados na localidade, e que contan con capacidade para 400 litros, estando fabricados con materiais reciclados e reciclables, suman 175.
A nivel provincial, xa son preto de 50 os entes locais pontevedreses adscritos a esta iniciativa, ademais de 72 centros educativos e 8 colectivos sociais, tendo distribuído Sogama entre os mesmos, e de forma gratuíta, 8.255 composteiros.
O Concello de Vilagarcía será o encargado de impartir a formación entre os usuarios e tamén de facer o seguimento, debendo entregar a Sogama, transcorrido 1 ano, o correspondente informe. En todo caso, a pretensión última é que o compost obtido polos usuarios sexa de alta calidade e cumpra os requisitos establecidos pola lexislación vixente para a súa posterior aplicación en terras agrícolas, xardíns e/ou hortas.
Así mesmo, e no marco das obrigacións recollidas na normativa estatal e europea, Vilagarcía tamén implantou no seu momento o quinto contedor, de cor marrón, para que as familias dos núcleos urbanos depositen no mesmo a súa materia orgánica, que se transporta posteriormente á planta de biorresiduos de Vilanova de Arousa para a súa transformación en compost.
Saúdos, Departamento de Comunicación