- Desta forma, serán 627 as familias marinenses que participarán nesta iniciativa, cuxo obxectivo é valorizar a materia orgánica in situ e obter importantes beneficios ambientais, económicos e sociais
Cerceda, a 22 de febreiro de 2023.- Sogama entregará ao Concello de Marín (Pontevedra) unha nova partida de 100 composteiros, á que se sumará igual número de cubos domiciliarios para que os cidadáns poidan transportar máis comodamente a materia orgánica desde as súas cociñas ata o composteiro,
Por isto, resulta imprescindible que os fogares que se somen a esta iniciativa dispoñan de terreo (horta, xardín ou terras de cultivo) no que aplicar o compost resultante, pechando así en orixe o ciclo de recuperación e reciclaxe da materia orgánica, que regresa á terra para dar unha nova vida.
Xunto cos composteiros e cubos, Sogama remitirá ao ente local 100 manuais didácticos de apoio nos que se explica de forma pormenorizada os pasos a seguir para obter un compost de alta calidade: desde a propia localización do composteiro, que debe estar situado no exterior da vivenda, nunha zona protexida das inclemencias meteorolóxicas e en contacto directo coa terra para facilitar a entrada dos microorganismos descompoñedores, ata a relación de residuos que deben e non deben ser depositados no mesmo, así como o control de parámetros que influirán en boa medida no resultado final, isto é, o osíxeno, a temperatura e a humidade.
Así mesmo, a través destes manuais lémbranse as fases de fermentación e maduración dos restos orgánicos e dáse resposta ás preguntas máis frecuentes e aos problemas máis comúns.
MÁIS DE 600 FOGARES XA AUTOXESTIONAN A SÚA MATERIA ORGÁNICA
Con esta nova partida de recipientes, serán 627 as familias de Marín que incorporarán aos seus hábitos diarios a autoxestión da materia orgánica, unha práctica tradicional no rural galego coa que poderán reducir a cantidade de residuos depositados nos contedores convencionais, xa que en torno ao 40% da composición media dunha bolsa de lixo tipo está integrada por restos orgánicos, polo que poderá tratarse directamente nas vivendas para a súa transformación en abono natural, que regresa ao solo como nutriente e protector de plantas e cultivos fronte a pragas e enfermidades.
Saúdos, Departamento de Comunicación