- Os primeiros 100 recipientes foron entregados o pasado mes de xullo, no transcurso dun acto ao que asistiu o delegado provincial da Xunta en Lugo, Javier Arias Fouz, e o presidente de Sogama, Javier Domínguez.
- Con cada composteiro achegouse un manual didáctico de apoio para que os usuarios teñan un maior coñecemento da operativa a seguir.
- Así mesmo, Sogama impartirá, en datas a acordar polas partes, cursos específicos de formación para que os interesados poidan consultar dúbidas e ampliar a súa bagaxe.
Cerceda, a 15 de novembro de 2021.- Tras a subministración inicial, o pasado mes de xullo, dun cento de compostadores á Federación de Asociacións Veciñais “Lucus Augusti” de Lugo no transcurso dun acto que contou coa asistencia do delegado provincial da Xunta, Javier Arias Fouz, e o presidente de Sogama, Javier Domínguez, a empresa pública, a petición da Federación, procedeu á entrega de 200 unidades máis co fin de promover a reciclaxe da materia orgánica en orixe.
O obxectivo da Federación é repartir os recipientes, con capacidade para 400 litros e fabricados con materiais reciclados e reciclables, entre os seus asociados para que convertan os restos orgánicos en compost, un abono natural con excelentes propiedades para o solo, xa que, ademais de achegarlle nutrientes, protéxeo fronte a pragas e enfermidades.
Lucus Augusti pretende así contribuír a recuperar unha práctica tradicional no rural galego, pero dunha forma máis cómoda, hixiénica e eficiente.
FORMACIÓN
Coa pretensión de que os usuarios conten cos coñecementos básicos para levar a cabo este proceso, con cada composteiro proporcionouse un manual didáctico no que se describe a operativa a seguir: desde a propia localización do recipiente, que debe situarse nunha zona protexida das inclemencias meteorolóxicas e en contacto directo coa terra para facilitar a entrada dos microorganismos descompoñedores, ata a relación de materiais que deben –e non deben- depositarse no mesmo, así como o control de parámetros tales como o osíxeno, a temperatura e a humidade.
O abono resultante debe estar húmido, pero non mollado, e reunir uns determinados requisitos para que poida ser utilizado na agricultura e xardinería con garantías e sen restricións, cumprindo coas esixencias que marca a normativa vixente.
Con todo, e en datas a acordar polas partes, Sogama impartirá cursos de formación dirixidos aos asociados para explicarlles os pasos para seguir, resolver as súas dúbidas e tamén lembrar os principios que deben rexer a xestión sostible dos residuos: redución, reutilización e reciclaxe.
A autocompostaxe permite converter a materia orgánica en recurso, constituíndo todo un exemplo de economía circular. Dado que o residuo orgánico representa o 42% da composición media dunha bolsa tipo, se se recicla en orixe, evítase o seu depósito no contedor verde convencional, circunstancia que contribúe ao aforro de custos ambientais, económicos e sociais.
As persoas interesadas poden acceder a máis información a través do sitio web www.compostaconsogama.gal
Saúdos, Departamento de Comunicación