- Con capacidade para 390 litros, estes recipientes están fabricados con materiais reciclados e reciclables
- Tendo en conta que a materia orgánica representa en torno ao 40% da composición media dunha bolsa de lixo tipo, se esta se recupera en orixe, evítase o seu depósito no contedor convencional, propiciando con isto un importante aforro ambiental e económico
- Con esta nova partida, son un total de 90 os composteiros cedidos directamente por Sogama ao Concello de Barbadás.
Cerceda, a 21 de marzo de 2023.- Sogama entregou ao Concello de Barbadás (Ourense) un total de 30 composteiros a fin de que outras tantas familias poidan autoxestionar os seus residuos orgánicos e obter, a partir dos mesmos, un compost de alta calidade. Se ben este recipiente non resulta indispensable para levar a cabo o proceso de fermentación, o certo é que si o fai máis eficiente, cómodo e hixiénico.
Os composteiros achegados por Sogama, con capacidade para 390 litros, están fabricados con materiais reciclados e reciclables, e resultan de gran utilidade para que os veciños participantes poidan xestionar in situ os restos orgánicos producidos nos seus fogares. Con todo, esta iniciativa oriéntase unicamente ás vivendas unifamiliares que dispoñan de terreo (horta, xardín e/o terras de cultivo) no que aplicar o compost resultante, un abono natural con excelentes propiedades fertilizantes para o solo e que mesmo o protexe fronte a pragas e enfermidades.
Tendo en conta que a materia orgánica representa en torno ao 40% da composición media dunha bolsa de lixo tipo, se esta se recupera en orixe, evítase o seu depósito no contedor convencional, propiciando con isto un importante aforro ambiental e económico.
Co obxectivo de que os participantes poidan dispoñer de toda a información sobre a operativa a aplicar, a empresa pública tamén proporcionou ao ente local manuais didácticos de apoio nos que se describe a técnica, oriéntase sobre a mellor localización para o composteiro (no exterior da vivenda, nunha zona protexida fronte ás inclemencias meteorolóxicas e en contacto directo coa terra para facilitar a entrada dos microorganismos descompoñedores) e detállanse os materiais que deben e non deben ser depositados no mesmo, á vez que se dá solución aos problemas máis comúns e resposta ás preguntas máis frecuentes.
Con esta nova partida, son un total de 90 os composteiros cedidos directamente por Sogama ao Concello de Barbadás.
Saúdos, Departamento de Comunicación